Amosando publicacións coa etiqueta Perfecto Andrade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Perfecto Andrade. Amosar todas as publicacións

19 marzo, 2018

Daniil Kharms: Unha borracheira inesperada

 Celebrouse o ano pasado o 75º cabodano do vangardista ruso, Daniil Kharms. Poeta, escritor para a infancia, narrador, dramaturgo, Daniil Kharms foi perseguido polo stalinismo e acabou morrendo, probablemente de fame, na cadea de Leningrado Nº 1. Transcorría o febreiro de 1942.
O noso compañeiro Perfecto Andrade vólvenos agasallar cunha primeira tradución ao galego dun escritor ruso.

Fonte imaxe.

Unha borracheira inesperada.

por Daniíl Ivánovich Jarms.
(Tradución desde o ruso de Perfecto Andrade) 

Unha vez Antonina Alexeyevna zoupoulle ao seu home co cuño da oficina e estampoulle a fronte coa tinta.

O mortalmente ofendido Pyotr Leonidovich, home de Antonina Alexeyevna, pechouse no cuarto de baño e non deixaba entrar a ninguén.

Con todo, os habitantes do piso comunal, que tiñan unha imperiosa necesidade de ir onde estaba sentado Pyotr Leonidovich, decidiron escachar pola forza a porta pechada.
Decatándose de que se acabara a festa, Pyotr Leonidovich saíu do baño, foise para o seu cuarto e deitouse na cama.

Pero Antonia Alexeyevna decidira perseguir o seu marido ata o final. Esfarelou un papel en anaquiños e regou con eles a Pyotr Leonidovich que estaba deitado na cama.

O envelenado Pyotr Leonidovich botouse dun chimpo no corredor e púxose a arrincar o papel da parede.

Neste punto saíron todos os habitantes do piso e, vendo o que o malpocado Pyotr Leonidovich estaba a facer, botáronse enriba del e fixeron farrapos do chaleco que levaba posto.

Pyotr Leonidovich saíu correndo cara á oficina da vivenda.

Namentres, Antonina Alexeyevna espírase e agochárase na arca.

Dez minutos despois volveu Pyotr Leonidovich, seguido polo encargado da casa.
Ao non atopar a súa muller no cuarto, Pyotr Leonidovich e o encargado da casa decidiron aproveitar o lugar libre para baixar un pouco de vodka. Pyotr Leonidovich marchou a correr ata a esquina na procura da bebida.

Cando xa saíra Pyotr Leonidovich, Antonina Alexeyevna saíu da arca e apareceu diante do encargado da casa como a trouxeran ao mundo.

O encargado da casa, espantado, pegou un chimpo na cadeira e correu á
fiestra, pero ao ver a moza de vinte e seis anos, arroubouse coa súa
poderosa constitución.


Neste punto volveu Pyotr Leonidovich cun litro de vodka.

Ao ver o que acontecía no seu cuarto, Pyotr Leonidovich xuntou as cellas.

Pero a súa muller Antonina Alexeyevna amosoulle o tampón da oficina e Pyotr Leonidovich acougou.

Antonina Alexeyevna expresou o desexo de participar na bebedela, pero obrigatoriamente espida como estaba, e -só para amolar- de sentar na mesa na que se propuxera pór os pinchos para acompañar a vodka. Os homes sentaron en cadeiras, Antonina Alexeyevna sentou na mesa e puxéronse a beber.

Non se pode dicir que sexa hixiénico que unha moza núa estea sentada na mesma mesa na que está comendo xente. Aínda por riba Antonina Alexeyevna era muller rotunda e non moi preocupada pola súa limpeza corporal, así que a cousa estaba para que a levase o demo.

Con todo, axiña beberon abondo ata caer durmidos: os homes no chan e a muller na mesa.

E restableceuse o silencio no piso comunal.

30 setembro, 2017

L. N. Tolstoi: Notas dun tolo

Notas dun tolo

por Liev Nikoláievich Tolstoi

(Tradución de Perfecto Andrade Grande)

Hoxe celebramos o Día internacional da tradución publicando un texto inédito en galego, grazas -unha vez máis- aos bos oficios e á xenerosidade do noso compañeiro Perfecto Andrade. Neste caso é un relato de Tolstoi, de carácter autobiográfico.

Arzamás. Fonte.

1883. 20 de Outubro. Hoxe conducíronme a declarar ao goberno provincial, e as opinións dividíanse. Discutiron e decidiron que non estou tolo. Pero decidírono así só porque eu me contiven con todas as miñas forzas durante o tempo da declaración para non manifestarme. Non me manifestei porque lle teño medo ao manicomio; teño medo de que alí me impidan ocuparme da miña teima. Declaráronme suxeito a arrebatos, e algunha cousa máis así, pero de mente sa; declaráronme, pero eu ben sei que estou tolo. O doutor receitoume un tratamento, asegurándome que se sigo estritamente as súas prescricións, iso pasará. Todo o que me inquieta pasará. Ai! O que eu daría por que pasase! É demasiado atroz. Contarei por orde como e de que se me fixo exame, como perdín a razón e como descubrín a miña tolemia. Ata os trinta e cinco anos vivín coma todos e non tiña nada notorio. Só algo na primeira infancia: ata os dez anos, tiña comigo algo semellante ao do meu estado actual, pero limitábase a ataques, e non, como agora, que é un estado permanente. Na nenez apoderábase de min dun xeito algo diferente. Velaquí como era:

Lembro que unha vez me deitei a durmir, tiña cinco ou seis anos. Aia Evpraskia -alta, enxoita, de vestido marrón, cunha touca na cabeza e coa pel da papada colgándolle- espiume e meteume en cama.

- Eu só, eu só –botei a falar, e saltei a varanda.
- Veña, déitese, déitese, Fiédenka. Mire Mitia, que ben mandado é. Xa se deitou dixo ela, sinalando a meu irmán coa cabeza.
- Eu saltei á cama, sen soltala da man. Despois deixeina, axitei as pernas baixo a manta e arroupeime. E así estaba ben. Calei e pensei: “Eu quero á aia, a aia quéreme a min e a Mítenka, e eu quero a Mítenka, e Mítenka quéreme a min e á aia. E a aia quere a Tarás, e eu quero a Tarás, e Mítenka quéreo. E Tarás quéreme a min e á aia. E mamá quéreme a min e á aia, e a aia quere a mamá, e a min, e a papá, e todos se queren, e é ben para todos”. E de súpeto oio entrar a ama de chaves correndo e berra con forza algo da azucreira, e a aia dille con forza que ela non a colleu. E a min dóeme, e teño medo, e non entendo, e o terror, un terror frío apodérase de min, e eu agóchome coa cabeza baixo a manta. Pero mesmo na escuridade da manta non me alivio. Lembro como unha vez lle bateron a un rapaz diante de min, como berraba, e a faciana terrible de Foka cando lle batía.
- E non o farás, non o farás, –ordenáballe e seguíalle batendo. O rapaz dicía: “Non o farei”. E o outro ordenáballe “non o farás” e seguía batendo nel. E entón iso apoderouse de min. Empecei a saloucar e saloucar. E durante moito tempo ninguén puido calmarme. Velaí que eses saloucos, esa desesperación, foron os primeiros ataques da miña actual tolemia. Lembro outra vez en que iso se apoderou de min. A tía falaba de Cristo. Falaba e quería irse, pero nós diciamos:
- Conta máis sobre Xesucristo.
- Non, agora non hai tempo.
- Non, conta –e Mítenka pedía que contase. E a tía empezaba de novo o que nos contara antes. Contaba que o crucificaran, que lle bateran, que o atormentaran, e el seguía rezando e non os xulgaba.

- Tía, por que o atormentaban?
- Era xente ruín.
- Pero el era bo.
- Xa está, xa son as nove. Oídes?
- Por que lle pegaban? El perdoou, pero por que lle pegaban? Doíalle? Tía, doíalle?
- Xa está, vou tomar o té.
- E pode ser que fose mentira, que non lle pegasen.
- Basta.
- Non, non te vaias.

E apoderouse de min outra vez, saloucaba, saloucaba, despois empecei a dar coa cabeza contra a parede.



Así se apoderaba iso de min na nenez. Pero desde os catorce anos, desde o tempo en que acordou en min a paixón sexual e me entreguei ao vicio, todo iso pasou, e fun un mozo, coma todos os mozos. Coma todos nós, criados na excesiva comida graxa, melindroso, sen traballo físico e con todas as tentacións posibles para a inflamación da sensualidade, e no medio de nenos tan malcriados, os mozos da miña idade ensináronme o vicio, e eu entregueime a el. Despois ese vicio trocouse noutro. Comecei a coñecer mulleres e así, procurando praceres e atopándoos, vivín ata os trinta e cinco anos. Estaba completamente san, e non tiña ningún síntoma da miña tolemia. Eses vinte anos da miña vida sa pasaron para min de tal xeito que agora case non lembro nada deles e se os evoco é con traballo e noxo.

03 novembro, 2016

Marat Basyrov : Segundo advento



Velaquí tedes a tradución do segundo relato de Marat Basyrov, que nos regalou Perfecto Andrade.

LOCKHART, Susan (2010) :Right Fallopian tube and ovary

Segundo advento.

 

Non sei se che gustará a historia que me dispoño a relatar. Nin se paga a pena que a conte. Pero quero comprender, señor. Ti non só es o meu principal lector, senón que tamén es o inspirador, e precisamente por iso debes escoitala o primeiro. Aínda que, por outra banda, que che podo contar que ti non souberas?
E ti sabes como quere unha muller que a amen? Como chora polas noites en pena por ese mesmo amor? Ti mesmo lle deches ese penar. E as bágoas, e a almofada. Décheslle incluso o que non ten e o que nunca terá.
E agora di, lembras a María, a rapaciña da aldea que era toliña da cabeza e en consecuencia tamén da papuxa. Lembras como lle metía a avoa ideas, suxeridas por ti?
-       Importante non é ser listo –repetía a vella.  O importante é que te queiran.
-       Que te queira quen? –preguntaba María pestanexando.
-       Pois todos!
-        E como?
-        Pois de todos os xeitos!
Cada un quere como sabe, con que queira –precisamente iso tiña en vista a vella. E ti como proferías? Namórate do teu próximo con todas as túas febles forzas? Namórate do que está á beira, do que está detrás e diante, o que está dentro de ti e o que está fóra, por debaixo e por riba de ti? Namórate dos que sermonan, dos que se burlan e se inclinan, se entregan a excesos e traman? Esas son as túas verbas, señor? Miñas non son, dígocho fixo. Calquera verba, túa, comprende todo! Mesmo a última descarada non a inventei eu.
E ti lembras como se ocupaba María coa boneca? Como pasaba os ollos polo único espello, tentando no reflexo dexergar o teu rostro? Para que te agochabas da rapaza babeca en murmurios e renxidos, en suspiros nocturnos no faiado, nas explosións do vento e no ruído da choiva? Para que, xogando a esas agochadas, facías de xeito que ela sempre levara o xogo? Por que non te precipitabas tras ela cando se mancaba os xeonllos e non a recollías cando caía? Onde estabas cando ela choraba amargamente?
E despois, cando morreu a avoa e María ficou totalmente soa? Lembras como te chamaba, como che pregaba para que a fixeses comprender? Para que lle explicases que tiña que facer logo?

06 outubro, 2016

Marat Basyrov: Vexo

Coa gallo do Día Internacional da Tradución que se celebrou o 30 de setembro, o noso compañeiro Perfecto Andrade agasallounos coa versión galega de dous relatos do escritor ruso Marat Basyrov. Por causa de cerellos nosos, non puidemos subilos no seu día á Marela. Agora si. Velaquí tedes o titulado Vexo (Я вижу). Probablemente a primeira tradución deste autor a unha lingua ibérica.

Fonte da foto (wellcomeimages.org)

Vexo



Marat Basyrov




Ivánov é o meu amigo. Tatexa con forza. E eu teño miopía. Somos semellantes. Eu case non vexo nada sen gafas, e Ivánov non pode dicir nin palabra.

Cando o chaman ao encerado, toda a clase entretense con el. Nos intentos de dicir retórcese coma se o queimasen cun soldador. Eu quito as lentes para non ver como sofre.

Antes das vacacións de inverno, el dime:
- En Tbilisi vive un curandeiro. Cura todo, incluso a miopía.

Pronunciar iso case lle leva unha eternidade.

- Perdes a vista? -pregunto.

- Perdo a paciencia -responde.

Falo cos pais, prégolles, e velaí que, despois de aninovo, Ivánov e mais eu voamos a Tbilisi.

Xusto antes da aterraxe, no avión empeza a cantar Kikabidze. Non en directo, claro, senón na radio.

Encóntranos a mañá invernal xeorxiana – é sonora, atravesada polo sol e unha fala allea. Nós imos ao barrio vello da cidade, buscamos a rúa Vashliudjvari. Cruzamos unha ponte. Por baixo de nós flúe o río Kura.

Saímos na parada precisa e baixamos por unha ruela estreita. Imos pola beira de terreos con casas. Arredor árbores, arbustos, terra núa. Adiántannos dous rapaces que levan diante aros de rodas de bicicleta. Os aros soan, rebotando nas pedras. Parece que toda a rúa tinguelea. Cheira a fume de cacharela. O aire é transparente e limpo, tal que a cabeza dá voltas.

O apelido do curandeiro é Kenchadze. Ten unha gran casa de tres pisos. Ademais no súa parcela hai un cabanote longo. Nel recibe os enfermos.

Hai moitos, hoxe, unhas corenta persoas. Chegaron de todos os lados, de todo o país. Din que Kenchadze cura todas as enfermidades. E a miopía e a tartamudez cáscaas coma noces. Poñémonos á cola dentro do espazoso habitáculo. Finalmente chega a nosa vez.

O curandeiro Kenchadze é un mozo sinxelo a simple vista. Sen afeitar. Leva unha cazadora de coiro riscada e unha viseira. Téndolle cinco rublos, el agóchaos no peto do lado. Despois empeza a darme masaxes nas mans.


14 outubro, 2015

Na guerra non hai rostro de muller: Svetlana Aleksiévich, en galego



O noso compañeiro Perfecto Andrade agasállanos coas primeiras traducións, do ruso ao galego, de Svetlana Aleksiévich, premio Nobel de literatura 2015.

NA GUERRA NON HAI ROSTRO DE MULLER

O ser humano é máis grande que a guerra (do diario do libro)
Escribo un libro sobre a guerra... Eu, esa á que non lle gustaba ler libros de guerra, aínda que na miña nenez e mocidade era a lectura preferida de todos. De todos os meus contemporáneos. E iso non é estraño, eramos os nenos da Vitoria. Os nenos dos vencedores. Que lembro da guerra? A miña tristeza infantil entre palabras incomprendidas e terribles. Sempre nos lembraban a guerra: na escola e na casa, nas vodas e nos bautizos, nas festas e nos cemiterios. Mesmo nas conversacións dos nenos. A guerra e a posguerra seguían sendo o fogar da nosa alma. Todos vivían alí, todo tiña principio naquel terrible mundo, e na nosa familia tamén: o avó ucraíno, o pai de mamá, morreu na fronte, a avoa bielorrusa, a mamá de papá, morreu de tifo cos partisanos, dous dos seus fillos desapareceron sen novas, dos tres que mandou, volveu un... O meu pai... Aínda nenos non coñeciamos un mundo sen guerra, o mundo da guerra era o único coñecido para nós, e os combatentes a única xente coñecida. Mesmo agora non coñezo outro mundo nin outra xente. Pero existiron algunha vez?
Probablemente non se pode calcular cantos libros de guerra hai escritos no mundo. Non hai moito lin nalgures que na terra xa houbera máis de tres mil guerras. Pero libros aínda máis... Non obstante, todo o que sabemos da guerra contáronnolo os homes. Estamos no cativerio das representacións “masculinas” e dos sentimentos “masculinos” da guerra. Das palabras “masculinas”. As mulleres sempre calan, e se de súpeto comezan a falar, entón contan non a súa guerra, senón unha allea. Úrdense baixo unha linguaxe allea para elas. Baixo o inmutable canon masculino. E só na casa ou chorando un pouco no círculo das amigas da fronte, lembran a guerra (nas miñas viaxes xornalísticas nin unha vez as escoitei), pola que se para o corazón. Na alma faise o silencio, xa non é algo afastado e pasado, senón eses saberes e sospeitas sobre o ser humano, que son sempre necesarios. Mesmo no xardín do paraíso. Porque o espírito humano non está tan firme e protexido, sempre hai que apoialo. Buscar a forza algures. Nos relatos de mulleres non hai ou case non hai do que oímos sen fin, e despois, coa presión, non oímos, deixamos de oír: como unha xente matou heroicamente a outra e venceu. Ou perdeu. Os relatos femininos son diferentes e sobre algo diferente. A guerra “feminina” ten as súas cores, os seus olores, a súa iluminación e o seu espazo de sentimentos. As súas palabras. Alí non hai heroes e proezas incribles, alí hai simplemente xente que se ocupa de inhumanas cousas humanas. E alí non só sofren elas (xente!), senón tamén a terra, e os paxaros, as árbores. Todo o mundo terrestre. Sofre sen palabras, o que é aínda máis terrible...
Decontado aparece a pregunta, por que? Por que, defendendo e ocupando o seu lugar nun mundo entón absolutamente masculino, as mulleres non defenderon a súa historia? As súas palabras e os seus sentimentos? Non se creron elas mesmas. Non confiaron. De nós ocúltase todo un mundo. Un illado continente feminino. Pero que nos impide penetrar nel? Chegar e oír? Dunha beira, o muro xordo da oposición masculina, eu chamaríao incluso a tácita conxura masculina, e doutra – a nosa falta de desexo e de curiosidade, que se pode explicar porque ninguén espera alí ningunha apertura. Disque o ser humano vive tanto canto loita e lembra a guerra. Parécenos que sabemos da guerra todo. Pero escoitando as mulleres aldeás e urbanas, sinxelas e intelectuais, as que salvaron os feridos e as que dispararon elas mesmas, podo dicir que non é certo. É un grande erro. Aínda hai unha guerra descoñecida para nós. Eu quero escribir a historia desa guerra... A historia feminina...
Primeiras gravacións... E primeira sorpresa: as profesións militares desas mulleres: instrutora sanitaria, francotiradora, metralladora, comandante de artillería antiaérea, zapadora; e agora son contables, auxiliares de laboratorio, guías, mestras... Contan coma se non fora sobre elas, senón sobre algunhas outras mociñas. Hoxe asómbranse elas mesmas. E nos meus ollos a historia “humanízase”. Paréceme que non falamos da guerra con elas, senón da vida humana. Reflexionamos sobre o ser humano.
Atópanse formidables narradoras, nas súas vidas hai páxinas que mesmo nas novelas do meu querido Dostoievsky non atopas a miúdo. Que se revirara tanto o ser humano, que se vira tan claro desde arriba, desde o ceo, e desde abaixo, desde a terra. As lembranzas, iso non é unha apaixonada ou desapaixonada transmisión dunha realidade que aconteceu e desapareceu, senón un novo nacemento do pasado. Iso é creación. Narrando, a xente crea, “escribe” a súa vida. Ocorre que escriben algo máis e que volven escribir. Entón hai que estar alerta. Máis sinceramente, como logrei notar, compórtase a xente sinxela (enfermeiras, cociñeiras, lavandeiras...). Elas, cómo determinar máis precisamente, sacan as palabras de si, e non dos xornais e dos libros lidos. Da cultura. Só dos seus propios sufrimentos. Os sentimentos e a linguaxe da xente culta, como non é de estrañar, a miúdo están suxeitos á elaboración polo tempo. Ao seu cifrado xeral. Contaxiados por coñecementos alleos. A miúdo hai que andar moito, con diferentes círculos, para oír un relato sobre a guerra “feminina”, e non sobre a “masculina”: cómo retrocederon, atacaron, en que parte da fronte... Necesítase non un encontro, senón moitas sesións. Como para o perseverante retratista. Sento durante moito tempo nunha casa descoñecida, ás veces o día enteiro. Bebemos té, probamos blusas compradas hai pouco, enxuizamos peiteados e receitas culinarias. Observamos xuntas fotografías dos netos. E velaí entón... A través dalgún tempo, nunca sabes, canto e por que, de súpeto aparece ese momento, longo tempo esperado, cando o ser humano sae do canon –de xeso e formigón armado– coma os nosos monumentos, e vai cara a si mesmo. Dentro de si. Comeza a recordar non a guerra, senón a súa mocidade. Un anaco da súa vida... Hai que atrapar ese momento. Non deixalo escapar. Pero a miúdo tras un longo día, cheo de palabras e feitos, queda na memoria só unha frase (pero que frase!): “Fun tan pequena á fronte, que despois da guerra aínda dei o estirón”. Apúntoa no libro de notas, aínda que no magnetófono correron decenas de metros. Catro ou cinco casetes...
Que me axuda? Axúdame que estamos afeitas a vivir xuntas. Conxuntamente. Xente conciliar. Temos todo en común –tanto a felicidade como as bágoas-. Sabemos sufrir e contar sobre o sufrimento. Para nós a dor é unha arte. Teño que recoñecelo, as mulleres van afoutadas por ese camiño...
Como me reciben?
Chámanme: “mociña”, “filliña”, “neniña”, probablemente, se eu fora da súa xeración, portaríanse comigo de xeito distinto. Máis estritas e máis calmas. Sen a ledicia que regala a miúdo o encontro da xuventude e da vellez. Fin e principio. Eu, moza; elas, vellas. Explícanme coma a unha nena. Hai moito tempo que notei que con quen mellor falamos é cos nenos, alí procuramos novas palabras, porque cómo atravesar doutro xeito a fronteira para un mundo que xa non nos é accesible. A miúdo vexo como as mulleres sentan e se escoitan a si mesmas. O son da súa alma. Confróntano coas palabras. Na vellez o ser humano comprende que velaí foi a vida, e agora cómpre resignarse e prepararse para a saída. Non se quere e é mágoa desaparecer simplemente así. Neglixentemente. En marcha. E cando mira atrás, nel existe o desexo non só de contar, senón de chegar ata o segredo da vida. Responderse a si mesmo a pregunta: para que foi todo iso? Mira todo cun ollar apesarado de despedida... Xa non ten para que enganar nin enganarse. Nin ganas, xa non ten tempo para xogos. Todo é definitivo e preto do misterio. Do derradeiro misterio.
A guerra é unha vivencia demasiado íntima. E tan ilimitada coma a vida humana...
Unha vez unha muller (aviadora) rexeitou entrevistarse comigo. Explicou por teléfono: “Non podo. Non quero recordar. Tres anos na guerra... E tres anos non fun muller. O meu organismo esmoreceu. Non tiña menstruación, desexos de muller. E eu era linda... Cando o meu futuro esposo me fixo a proposición, pero iso xa foi en Berlín. Onda o Reichstag. Dixo: “A guerra rematou. Estamos vivos. Casa comigo”. Eu quería botarme a chorar. A berrar. Bater nel! Como casar? Agora, casar? Mírame, que son? Primeiro fai de min unha muller: regálame flores, galantea, dime palabras bonitas. Quéroo tanto! Case bato nel... Quería baterlle... Pero el tiña a fazula ardendo, violeta, e vin que comprendera todo, caíanlle as bágoas pola fazula. Polas cicatrices aínda frescas... E non cría o que dicía: “Si, casarei contigo”. Pero contar non podo... Non teño forzas para volver alí... Habería que volver a vivir todo iso...”
Comprendina. Pero iso tamén é unha ou media paxiniña do libro que escribo. Textos, textos. Por todos lados textos. En pisos e en casas de campo, na rúa e no café... Escoito... Cada vez máis convértome nun gran oído, cada tempo volvo a outro ser humano. “Leo” a voz...


DERRADEIRAS TESTEMUÑAS

(cen relatos non infantís)

... Ardeu toda a rúa. Arderon avós e avoas, e moitos nenos pequenos, porque non fuxiron xunto con todos, pensaron que a eles non os tocarían. Andas – xace un cadáver ennegrecido, significa que ardeu unha persoa vella. E distingues ao lonxe algo pequeno, rosado, significa un neno. Xacían rosados nos recunchos...

RAPACES DE CINC

... Para a xente na guerra na morte non hai misterio. Matar é simplemente premer o gancho do disparador. Ensináronnos: fica vivo o que dispara primeiro. Tal é a lei da guerra. “Aquí tedes que saber dúas cousas: andar rápido e disparar preciso. Pensar pensarei eu”, -dicía o comandante. Disparabamos onde nos mandaban. Fun habituado a disparar onde me mandaban. Disparaba, non me apiadaba de ninguén. Podía matar a un neno. Porque alí connosco loitaban todos: homes, mulleres, vellos, nenos. Vai unha columna por unha aldea. No primeiro coche apágase o motor. O condutor sae, levanta a capota... Un rapaz, duns dez anos, un coitelo nas costas... Alí onde está o corazón. O soldado xacía no motor... Do rapaz fixeron un cribo... Nese intre dá a orde de converter a aldea en po... Cada un intentaba sobrevivir. Nunca había tempo para pensar. Nós tiñamos entre dezaoito e vinte anos. Á morte allea eu estaba habituado, pero temía a miña. Vin como dun ser humano nun segundo non fica ren, coma se nunca existira. E no cadaleito baleiro mandaban á patria un uniforme de gala.  Botan terra allea para que haxa o peso necesario... Quería vivir... Nunca  quixera vivir tanto como alí. Volvemos da loita, rimos. Nunca rin tanto como alí...

PREGARIA DE CHERNOBYL. CRÓNICA DO FUTURO

... Pensei, por que calan sobre Chernobyl, pouco escriben os nosos escritores, seguen escribindo sobre a guerra, os campos de concentración, e aquí calan? Pensades que é casualidade? Se venceramos Chernobyl, falarían e escribirían máis sobre el. Ou se o entendésemos. Non sabemos como procurar o sentido dese horror. Non somos capaces. Así como non se pode medir nin coa nosa experiencia humana, nin co noso tempo humano...
Así que, que é mellor: lembrar ou esquecer?

Perfecto Andrade é un exprerimentado tradutor desde o francés e o ruso. A ATG ofrécenos algunhas traducións súas. Entre outras, tamén podedes ler A gaivota. Tío Vania ou As aventuras de Uliana Karaváeva.