Amosando publicacións coa etiqueta ciencias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ciencias. Amosar todas as publicacións

01 decembro, 2023

Calendario de advento

Desde hoxe mesmo, como manda a tradición, e ata o xoves 21,  na entrada do noso instituto, e no recuncho TOC-TOC-A-CIENCIA,  podedes desfrutar dunha exposición sobre mulleres científicas.

Baixo a apariencia dun calendario de advento, podemos ver o traballo do alumnado de 3º ESO A e C, que nas horas do Proxecto Competencial buscou e seleccionou información sobre 20 mulleres científicas, coa intención de divulgar o seu labor.  A coordinación correu a cargo das súas profesoras Ana Penas e Natalia Fernández.

Achegamos unhas imaxes, a modo de exemplo, mais se queredes coñecer a estas 20 científicas, só tedes que achegarvos ata o IES R. Mª Aller Ulloa para, día a día, ir descubrindo quen se esconde debaixo de cada data.







18 decembro, 2022

Estrelas da ciencia

Gciencia, o xornal galego de ciencia e divulgación dá conta da recente publicación da obra Estrelas galegas da Ciencia. Unha historia de persoeiros e achados asombrosos, de momento só en versión dixital.

Segundo recolle o xornal dixital, os autores confesan que, ao falar das científicas e científicos escollidos, querían construír "unha breve historia da Ciencia en Galicia", e inciden en que se trata dun libro "necesario e sorprendente, para un público infantil e adolescente, pero tamén para adultos con curiosidade pola historia"

A través dos 12 capítulos desta obra descubrimos a vida e obra de 14 científicos e científicas do período que vai desde o século XVII ao XX, entre eles O Matemático de Bermés e o seu biógrafo Ramón Mª Aller Ulloa, astrónomo,  matemático e figura capital na creación do que o noso instituto, ao que acompaña a súa discípula predilecta, Antonia Ferrín Moreiras.

A presenza dezá complétase coa coautora do libro e antiga alumna nosa, Maite Vence, directora de Observer.





05 abril, 2022

Encontro con Juan Gestal Otero : "Historia das pandemias"

Organizado e coordinado polas profesoras Alba Payo de Xeografía e Historia e Ana Penas de Bioloxía, o mércores 6 terá lugar un Encontro con Juan Gestal Otero arredor da Historia das pandemias e que terá como destinatario o alumnado de 4º da ESO de Cultura científica.

Que mellor maneira que o coñecemento da historia das pandemias para comprendermos a magnitude da pandemia actual da COVID-19.

E ao fío do Encontro con Juan Gestal non está de máis botarlle unha tranquila ollada ao libro Pandemias, froito da Exposición Pandemias, proxecto desenvolvido o curso anterior. 

 

10 febreiro, 2022

Visita ao Centro de Investigacións Biolóxicas (CIBUS)

O mércores 2 de febreiro, o alumnado STEM de 2º do Bacharelato, acompañado pola súa profesora Natalia Fernández, desprazouse ata os laboratorios de Microbioloxía da Facultade de Bioloxía da USC, para levar a cabo unha práctica con bacteriófagos, os virus que infectan as bacterias.
Tras rematar a actividade, pasearon polo Campus Sur, achegándose ata o Observatorio Astronómico da USC que, ao igual que o noso centro, leva o nome do astrónomo de Lalín,  Ramón Mª Aller Ulloa,
Despois de xantar visitaron o Museo de Historia Natural da USC Luis Iglesias, onde puideron apreciar, entre outras moitas cousas, a magnífica colección de minerais e rochas que alí se expón, así como os modelos cristalográficos de madeira que pertenceron ao matemático de Bermés, Xosé Rodríguez González.

Natalia Fernández, Profesora de Bioloxía








 Ao fío da visita, dous dos alumnos do STEM achegáronnos a seguinte reflexión:

"A actividade resultou moi interesante ao non poder facer uso no laboratorio do noso instituto destas técnicas coas que puidemos observar a actuación de bacteriófagos en disolucións con bacterias. Ao mesmo tempo, puidémonos facer unha idea aproximada do que é a vida na Universidade, e ata accedemos ao interior dos edificios das Facultades de Bioloxía e Medicina"

Marta García e Adrián Llinares, 2º Bac. A





23 xuño, 2021

Despedida científica

Co título de Despedida científica (toda unha declaración de intencións), a profesora de Bioloxía, Raquel Honrubia desenvolveu unha actividade de achegamento do alumnado ao mundo da ciencia. 

Raquel explícanos dun xeito claro o proceso: O último día de clase, o alumnado de 4º da ESO tivo unha "Despedida científica" na que a temática xirou arredor da molécula de ADN. Tras comentar algúns datos curiosos desta molécula, así como as principais aplicacións do seu estudo no eido da xenética, os tres grupos realizaron unha extracción de ADN caseira, con materiais presentes en calquera cociña que se prece (xabón, sal...).  Con esta pequena práctica, o alumnado puido ver que se pode facer ciencia e comprender procesos moi relevantes a nivel biolóxico sen grandes medios materiais. 

Desde a Marela aproveitamos a nova desta actividade para render unha pequena pero sentida homenaxe de despedida a Raquel pola súa total entrega e profesionalidade. Foi todo un pracer. Moita sorte, a porta sempre estará aberta para ti.

 












 

30 maio, 2021

Pandemias : o libro

 

E non podía faltar o libro sobre o Proxecto Pandemias:

Pandemias : a exposición


Xa podemos ver a exposición Pandemias no vestíbulo do instituto, que nos achega información escrita e visual sobre a pandemia actual e as medidas de prevención xerais, así como das trolas que hai arredor das vacinas e do que redes sociais como Instagram reflicten ao respecto; ademais dunha recreación dos virus en maquetas, de murais informativos, dun percorrido polas máis sobranceiras pandemias da historia, do reflexo na literatura da problemática das doenzas en xeral e, por último, unha recreación artística das pandemias ou enfermidades en xeral.

Parabéns ao alumnado participante e ao profesorado coordinador do proxecto: María Armada, Mar Espinosa, Luís Guitián, Raquel Honrubia, Uxía Nogueira, Marta Otero e Alba Payo.
A seguir unha reportaxe gráfica da exposición do noso fotógrafo oficial Carlos:
 










E o vídeo Lavado de mans correcto, realizado por alumnado de 2º FPB.

 


29 maio, 2021

Encontro con José Palacios Aguilar : o acto

O venres, 28, tivo lugar o programado Encontro co doutor en Educación Física José Palacios Aguilar do alumnado de 4º da ESO de Bioloxía. O relatorio-obradoiro serviu para adestrar o alumnado en RCP e primeiros auxilios. Desenvolvéndose as dúas sesións dun xeito áxil e ameno e con total implicación do alumnado.

A organización e coordinación do Encontro correo a cargo de Raquel Honrubia, quen nos achega a seguinte reflexión:

Foi unha actividade moi práctica, penso que non lles deu tempo a se aburriren. O obradoiro comezou coa explicación da cadea de salvamento, facendo partícipe o grupo, e logo, pasouse á práctica, centrándose bastante na RCP e insistindo na importancia de que a reanimación fose de calidade (mesmo trouxeron manequíns con sensores que avaliaban a calidade da comprensión e descomprensión e, por suposto, tamén o ritmo). A maiores, puideron ver como se coloca un desfibrilador, e remataron practicando a manobra de  Heimlich (isto gustoulles bastante, porque como son xente teatreira, aproveitaron para representar a afogamento). Ambos grupos estiveron moi atentos, e participaron con preguntas moi interesantes. Paréceme que foi boa idea ter organizado este obradoiro. 

A seguir unhas fotos do encontro-obradoiro:
 



 

 

24 abril, 2021

Os Encontros con Educalecrín

Os encontros con Educalecrín da man de Verónica Ledo Lançao e Natalia Conzález Coego foron todo un éxito, o que fixo que se estendese a actividade a 4º da ESO, cubrindo desta forma toda a etapa educativa. Así mesmo a prensa dá conta da nova na súas páxinas de información local.
A seguir unhas fotos, do noso reporteiro Carlos, dos Encontros con 1º, 2º e 3º da ESO:
 







Fica pendente o Encontro con 4º da ESO que terá lugar o vindeiro 7 de maio: