Amosando publicacións coa etiqueta Marela Radio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Marela Radio. Amosar todas as publicacións

17 maio, 2024

Letras Galegas 2024: Luísa Villalta

 "Este ano 2024 será o Ano Luísa Villalta, igual que o 23 foi o ano dedicado a Francisco Fernández del Riego. O 17 de maio a Real Academia Galega honrará a nosa poeta. En certa medida, honrará tamén a xeración de autores e autoras que comezan a expresarse na década dos anos 90 do pasado século e nos primeiros anos do século actual. Unha xeración nova, ilusionada, entusiasta, aberta ao mundo. Unha xeración sen complexos que xorde coa ambición de construír unha nova realidade, un novo tempo. Luísa representa ese impulso creativo, unha curiosidade intelectual e artística que a leva a ensaiar diversas formas de expresión, diferentes xéneros, nos que salienta moi especialmente (aínda que non exclusivamente) a poesía. Neste caso, encarna moi ben a xeración poética da transición entre séculos na que, por certo, tiveron especial protagonismo as mulleres"

Estas son as "Palabras para un tempo novo" coas que Víctor Freixanes, desde o portal da RAG nos presenta a LUÍSA VILLALTA, a escritora homenaxeada neste 2024.

O noso gran de area, a breve biografía e o recitado dunha selección da súa obra, por parte das nosas alumnas de Bacharelato Sheila Fernández, Sara Mato, Andrea García, Nerea Iglesias, Paula Bonita, Nerea Rodríguez, Sara Mato e María Pichel.

Coordinación do traballo: María Jesús Barcala e Biblioteca Mario Pereira.






03 marzo, 2024

A radio vai á Residencia

 

A nosa historia non sempre está recollida nos libros, nin nas redes... Hai unha gran parte que temos que investigar cos nosos maiores, porque eles foron os protagonistas e son os que teñen toda a información.

E grazas á invitación da Residencia Virxe das Dores puidemos falar con estas persoas que tantos coñecementos teñen e que tan pouco se fan escoitar.

Así, o alumnado de 1º de Bacharelato, elaborou un cuestionario para recabar a información sobre as escolas, os xogos tradicionais, as festas da aldea e como se ía a elas, as músicas daquela época, viaxes que se facían ou que a estes anciáns lles gustaría facer, profesións e profesionais do século pasado, traballos de campo, nomes das leiras, soutos ou carballeiras que traballaban, animais cos que había que convivir, importancia das fontes e dos muíños...

María Jesús Barcala










22 febreiro, 2024

21 F: Día da Lingua Materna

Como nos dicían xa hai uns anos desde a Ctnl (Coordinadora de traballadores/as de Normalización da lingua) as linguas suman.

Eran outros tempos, mais a situación non cambiou moito: parece que as linguas se seguen a usar como armas arreboladizas á máis mínima oportunidade. E para demostrar que as diferentes falas só nos serven para entendernos mellor, aceptamos o reto de María Jesús Barcala e celebramos o Día Internacional da Lingua Materna desde Radio Marela.

No podcast podedes escoitar o que Alice, Angélica, Giada e Jade, opinan sobre a súa estancia en Lalín. Cada unha delas, xunto con Uxía Nogueira, exprésanse na súa lingua materna, amosando así esa "diversidade cultural e lingüística" da que nos fala a Unesco na celebración deste ano. Lástima que o sardo xa non sexa a lingua materna de ningunha destas catro mozas, aínda que si é lingua habitual dalgúns de seus avós.

Aproveitamos a ocasión para agradecer a Paula Gómez, coordinadora da Sección española en Selargius, a oportunidade que nos brindou, ofrecendo ás familias do IES Ramón Mª Aller Ulloa a posibilidade de exercer como familias de acollida neste Programa Erasmus.





08 febreiro, 2024

Formación en Radio na Biblio

 Onte, mércores 7, o alumnado de 1º ESO B participou nun OBRADOIRO DE RADIO impartido por Damián Alonso, membro de Ponte nas ondas

A sesión comezou coa explicación do software de edición de audio e gravación de son dixital, o audacity, eliminar erros, empregar efectos, engadir música nun audio... Na segunda parte da formación, traballaron a voz: vocalización, cambio de velocidade, ton, intensidade, etc. 

E xa na última franxa do obradoiro, traballaron coa radio. Comezaron por montar unha mesa de son e logo elaboraron, por grupos, un pequeno guión que gravamos. Foi curioso que a voz de Damián Alonso resultaba familiar, pois é actor de dobraxe, e así puidemos escoitar algúns fragmentos de personaxes como o Alcalde Hansock, o Xefe Kyle ou Tito en Turbo Fast.

A seguir unhas fotografías da actividade.

María Jesús Barcala












17 decembro, 2023

Entrevista a Warenka Mora Aponte

A nosa radio segue funcionando a pleno rendemento. Desta vez foi o alumnado de 2º do Bacharelato, coordinado desde o equipo da Biblioteca, o que puido entrevistar a Warenka Mora Aponte, unha das profesoras de inglés na nosa EOI e cun historia vital coas linguas, cando menos, curioso.

Warenka naceu en México, e o seu nome é produto do amor que seu pai sentía pola lingua rusa. Xa de adolescente viviu durante un ano en Francia, grazas a un programa de intercambio de estudantes, organizado por AFS. E no seu percorrido universitario decantouse polo estudo do inglés, pero o amor cruzouse na súa vida e ela cruzou o charco.

E nós non iamos desperdiciar esta ocasión de aprender doutras culturas, neste caso centrándonos nas tradicións mexicanas arredor da morte. Aquí vos deixamos a ligazón á entrevista que lle fixeron Alejandro Calviño, Carla Fernández, Leticia Fernández, Lucía Maceira, Fabiana Núñez e Juan Ramón Villar. 






10 maio, 2023

Visita Radio Lalín

Esta mañá, o alumnado de 4º da ESO que forma parte do Programa Radio na Biblio tivo a oportunidade de coñecer un estudio de radio real, acompañados por María Barcala, coordinadora da radio e Uxía Nogueira, responsable da Biblioteca. Na sede de Radio Lalín, os rapaces e as rapazas do IES Aller Ulloa escoitaron as explicacións de Gumer Portas e comprobaron como se emite en directo. Resolveron dúbidas acerca da necesidade dun guión sobre o que traballar, descubriron como se pode transmitir desde un lugar diferente á propia emisora e quedaron convidados a botar man da radio local cando o necesiten.

Mais non podían saír de alí sen seren eles mesmos locutores por un día, así que, mans á obra, puxeron os cascos, abriron os seus portátiles e leron un conto que recolle, de maneira ficticia, a vida de Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado o vindeiro 17 de maio.







24 febreiro, 2023

23 F: Día de Rosalía

Este 23 de febreiro, para conmemorar o Día de Rosalía, o alumnado de 4º ESO recitou uns poemas escollidos polo Dpto. de Lingua e Literatura galegas do IES Aller Ulloa. A selección busca achegarvos algúns dos textos máis alegres e próximos á literatura popular.

Da man da súa profesora de Relixión, Mª Jesús Barcala, gravaron os podcasts que podedes escoitar na ligazón a Cantares Gallegos e a Cantares Gallegos e Follas Novas

E se queredes coñecer algúns datos máis sobre a santiaguesa nesa podedes volver ver o vídeo  que recolle a teatralización que o curso pasado coordinou Carmen Frade co seu alumnado de Lingua e Literatura de 4º ESO.

Imaxe do vinilo que preside a zona de clubs de lectura da Biblioteca Mario Pereira.

17 febreiro, 2023

Ao fío de... Día da radio

 Para celebrar o Día mundial da Radio o alumnado de Relixión do 2º curso do Bacharelato decidiu entrevistar a Saleta Fragueiro, profesora de Inglés do IES Aller Ulloa que vén de participar nun Programa Piale, cunha estadía de 4 semanas nun Instituto de Educación secundaria en Canadá. De por que acabou adicándose ao ensino e de que lle aportou ese mes nas aulas canadenses deu boa conta na entrevista.

Aquí vos deixamos un par de fotos, con Saleta, de cor laranxa, de costas á camara e catro dos alumnos do grupo de María Jesús Barcala, así como o enlace á canle de Marela Radio, para que escoitedes a entrevista completa.





Foto: Mª Jesús Barcala

02 febreiro, 2023

Obradoiros de Radio na Biblio

A Biblioteca Mario Pereira do IES Ramón Mª Aller Ulloa xa ten unha nova canle de expresión.

A radio xa comezara a dar os primeiros pasos no noso centro da man da profesora Mª Jesús Barcala. Agora, grazas ao Programa Radio na Biblio, alumnado e profesorado poden formarse no medio.

Onte tocoulle rapazada de 4º da ESO. Guiada por Denís e a Rede espora, aprendeu a organizar os guións e gravar os seus propios programas.

Aquí vos deixamos algunhas imaxes das sesións de formación, á espera dos podcasts que están a elaborar:








01 decembro, 2022

Xa somos Radio na Biblio!

 Tal e como publica a páxina de Bibliotecas escolares de Galicia, desde onte mesmo, de maneira oficial, pasamos a formar parte do grupo de centros educativos que contan con Radio na Biblio. Desde principio de curso, a profesora María Jesús Barcala está gravando podcasts co seu alumnado, pero agora poderán dispor de asesoramento, a través de obradoiros, e do material específico para traballar con máis comodidade.

Tamén hoxe a prensa local se fai eco da noticia, tal e como podemos ler nas páxinas de Faro de Vigo, na súa edición local.