Desde compositores clásicos coma Xoán Montes e a súa “Negra sombra” ou Xosé Baldomir con “Ti onte, mañán eu” ou “Maio longo” a outros contemporáneos coma Prudencio Romo, Juan Ramos, Octavio Vázquez, Juan Durán…, chegando aos traballos máis experimentalistas de Aid, Narf, 12pros, Adhara…
ROSALÍA DE CASTRO é, sen dúbida, a poeta máis musicada da nosa literatura seguida de Celso Emilio Ferreiro e, a ela, vai hoxe dedicada a nosa escolma “ROSALÍA NO PENTAGRAMA”, unha compilación de poemas interpretados por músicos do país pero tamén foráneos coma a castellonenca Lia Pamina, o grupo catalán Val das Mouras, a palestina Najla Shami… e sen esquecer ao leonés Amancio Prada.
Desde Luis Emilio Batallán Rosalía viaxa por diferentes estilos e ritmos. Orquestras coma Los Satélites, Los Tamara, a universal Ana Kiro, a Charleston Big Ban coa súa versión merengue de “Adiós ríos, adiós fontes” ou a copla da sevillana Antoñita Moreno na súa particular “Negra Sombra”
Rosalía roqueira nas versións de Astarot, Kastomä, irreverente e provocadora nas voces de Poetarras.
Rosalía clásica da man de tenores coma Joaquín Pérez Fuertes, a soprano Cristina Gallardo Domâs ou grupos coma Taupada Vocal. Absoluta protagonista de moitas das producións poético-musicais do compositor e pianista Abe Rábade.
Rosalía cosmopolita na “Negra Sombra” de Inés Carreño a ritmo de jazz, con sonoridades africanas e brasileiras nos discos de Najla Shami, de bossa nova co grupo Lúa descolorida e do reagge coa cantante Adhara quen tamén experimenta coa Rosalía punk.
Sempre unida á terra, á nosa música tradicional, música celta, folk con agrupacións coma Xacaloma, Os d´abaixo, Acordereita, Luar na Lubre… e, por suposto, os gaiteiros Carlos Núñez e Xosé Manuel Budiño.
Rosalía muda en rapeira e intérprete de hip-hop con Aid e coquetea co indie-pop d’Os Peregrinos e ata participa no cover de “Castellanos de Castilla” coa Rosalía de “Malamente”.
Pero hai tamén unha Rosalía infantil que, a través da voz de Uxía Senlle, dirixe o seu canto a todas as nenas e a todos os nenos do país.
E si, cantar cantaches… e a “grasia” foi moita!
FELIZ ANIVERSARIO, ROSALÍA!
Alumnado de 4º ESO
Despois desta detallada explicación de Carmen Frade, ideóloga e coordinadora da actividade, só vos queda visitar a exposición in situ, no vestíbulo do IES Ramón Mª Aller Ulloa, e comprobar a selección de cancións baseadas en poemas da autora homenaxeada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario