Amosando publicacións coa etiqueta Día de Rosalía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día de Rosalía. Amosar todas as publicacións

23 febreiro, 2024

23 F: Rosalía no pentagrama

Moitos son os músicos que, desde hai anos, veñen elixindo textos de Rosalía para ser musicados e interpretados de xeito individual ou grupal.

Desde compositores clásicos coma Xoán Montes e a súa “Negra sombra” ou Xosé Baldomir con “Ti onte, mañán eu” ou “Maio longo” a outros contemporáneos coma Prudencio Romo, Juan Ramos, Octavio Vázquez, Juan Durán…, chegando aos traballos máis experimentalistas de Aid, Narf, 12pros, Adhara…

ROSALÍA DE CASTRO é, sen dúbida, a poeta máis musicada da nosa literatura seguida de Celso Emilio Ferreiro e, a ela, vai hoxe dedicada a nosa escolma “ROSALÍA NO PENTAGRAMA”, unha compilación de poemas interpretados por músicos do país pero tamén foráneos coma a castellonenca Lia Pamina, o grupo catalán Val das Mouras, a palestina Najla Shami… e sen esquecer ao leonés Amancio Prada.

Desde Luis Emilio Batallán Rosalía viaxa por diferentes estilos e ritmos. Orquestras coma Los Satélites, Los Tamara, a universal Ana Kiro, a Charleston Big Ban coa súa versión merengue de “Adiós ríos, adiós fontes” ou a copla da sevillana Antoñita Moreno na súa particular “Negra Sombra”

Rosalía roqueira nas versións de Astarot, Kastomä, irreverente e provocadora nas voces de Poetarras.

Rosalía clásica da man de tenores coma Joaquín Pérez Fuertes, a soprano Cristina Gallardo Domâs ou grupos coma Taupada Vocal. Absoluta protagonista de moitas das producións poético-musicais do compositor e pianista Abe Rábade.

Rosalía cosmopolita na “Negra Sombra” de Inés Carreño a ritmo de jazz, con sonoridades africanas e brasileiras nos discos de Najla Shami, de bossa nova co grupo Lúa descolorida e do reagge coa cantante Adhara quen tamén experimenta coa Rosalía punk.

Sempre unida á terra, á nosa música tradicional, música celta, folk con agrupacións coma Xacaloma, Os d´abaixo, Acordereita, Luar na Lubre… e, por suposto, os gaiteiros Carlos Núñez e Xosé Manuel Budiño.

Rosalía muda en rapeira e intérprete de hip-hop con Aid e coquetea co indie-pop d’Os Peregrinos e ata participa no cover de “Castellanos de Castilla” coa Rosalía de “Malamente”.

Pero hai tamén unha Rosalía infantil que, a través da voz de Uxía Senlle, dirixe o seu canto a todas as nenas e a todos os nenos do país.



E si, cantar cantaches… e a “grasia” foi moita!

FELIZ ANIVERSARIO, ROSALÍA!

 

Alumnado de 4º ESO


Despois desta detallada explicación de Carmen Frade, ideóloga e coordinadora da actividade,  só vos queda visitar a exposición in situ, no vestíbulo do IES Ramón Mª Aller Ulloa, e comprobar a selección de cancións baseadas en poemas da autora homenaxeada.













24 febreiro, 2023

23 F: Día de Rosalía

Este 23 de febreiro, para conmemorar o Día de Rosalía, o alumnado de 4º ESO recitou uns poemas escollidos polo Dpto. de Lingua e Literatura galegas do IES Aller Ulloa. A selección busca achegarvos algúns dos textos máis alegres e próximos á literatura popular.

Da man da súa profesora de Relixión, Mª Jesús Barcala, gravaron os podcasts que podedes escoitar na ligazón a Cantares Gallegos e a Cantares Gallegos e Follas Novas

E se queredes coñecer algúns datos máis sobre a santiaguesa nesa podedes volver ver o vídeo  que recolle a teatralización que o curso pasado coordinou Carmen Frade co seu alumnado de Lingua e Literatura de 4º ESO.

Imaxe do vinilo que preside a zona de clubs de lectura da Biblioteca Mario Pereira.

25 febreiro, 2021

Día de Rosalía : Compartindo poemas


Poemas para compartir
resultou todo un éxito de participación e as carteiras e os carteiros non daban feito a repatir os poemas rosalianos que unha gran porcentaxe de alumnado dedicou a aquela persoa da comunidade educativa que quixer: compañeiros/as, profesorado, persoal non docente...

Sen dúbida un día moi rosaliano, do que deixamos constancia gráfica, con vídeo e fotos de Daniel Santalla para DZ Dixital

A caixa do correo na que se depositaron as cartas poéticas

As cartas ordenadas por cursos, ou profesorado ou..., agardando ser repartidas

Carme, impulsora da actividade rosaliana

As carteiras e os carteiros antes do reparto

Entregando o correo para repartir
As cartas poéticas xa case están todas en mas das/dos carteiras/os
Carteiros polos corredores do instituto levando as cartas poéticas
Carteiras repartindo o correo
En plena faena
Lendo os poemas agasallados

Que emoción!


23 febreiro, 2021

Día de Rosalía

 Celebramos o Día de Rosalía coa actividade "Poemas para compartir". Que mellor agasallo que un poema de Rosalía!

E como complemento á actividade propoñemos:

1. Canto sabes de Rosalía? Xogo didáctico suxerido por GCiencia a base de preguntas sobre Rosalía. Animádevos, a ver se as atinades todas.

2. Ler o Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2021.

3. Un paseo literario pola Compostela de Rosalía en Nósdiario.gal.

4. Rexurdimente : Vídeo que o grupo De Vacas vén de publicar nas redes sociais ás portas do Día de Rosalía e do 8M. Un encontro entre Rosalía (a nosa) e Rosalía (a outra) en base a "Malamente". A seguir o vídeo:

24 febreiro, 2020

Día de Rosalía

Celebramos o Día de Rosalía lembrando, unha vez máis, o "Nós cantar cantamos", escolla poética de trinta e seis poemas de trinta e seis mulleres, ilustrados no seu momento por alumnado de Artes de 2º de Bacharelato, como ramo ao ano de Rosalía (2013). 

Unha recomendación: a lectura do artigo "Tres Rosalías" de Pepe Barro en Nós Diario.



23 febreiro, 2019

Pois son de espricansa pouca


Alá, no seu día, á volta do ano de Rosalía, prupuxemos facer unha escolla de trinta e seis poemas de trinta e seis mulleres.

O número e o lema viñan dados por Cantares gallegos.

As ilustracións realizáronse desde as aulas do Bacharelato de Artes de 2º BAC.

Paga a pena lembrármolo.


25 febreiro, 2015

Nós cantar cantamos: o libro

Comezamos o ano pasado e case non chegamos.

Tiñamos que poñerlle o ramo ao ano de Rosalía (2013). Pensamos en escoller trinta e seis poemas de trinta e seis mulleres. Trinta e seis e trinta e seis baixo o lema “Nós cantar cantamos”, pluralizando o verso rosaliano “Eu cantar cantei”.
Así llelo propuxemos a alumnas e alumnos do IES “Pintor Colmeiro” de Silleda e do IES “Ramón Mª Aller Ulloa” de Lalín. Deles e delas saíu a selección.
As ilustracións fixéronas desde as aulas do Bacharelato de Artes de 2º BAC do IES “Ramón Mª Aller Ulloa”.


13 marzo, 2014

Unha recomendación: 12 libros de poesía

 
Mentres andamos a celebrar o día de Rosalía, fomos á librería e mercamos libros de poesía (a rima é simple, pero expresiva). 


Unha ducia de libros que, coa súa variedade (de estilos, técnicas, temas e contidos), de novo reclaman a berros unha maior presenza da poesía no ensino como ferramenta moito máis axeitada que a narrativa para introducirse na literatura. Aí andamos algúns …


Pero isto é unha recomendación literaria.


Os poemarios máis arriscados na forma son tamén, case inevitablemente, os máis comprometidos.


O máis posmoderno é o de María do Cebreiro, que arremete cos seu coloquialismos e misturas discursivas contra a linguaxe tradicionalmente (ata xa hai tempo) poética. E polas frondosidades do seu hermetismo, percíbensen as vinculacións entre feminismo, linguaxe e metaliteratura, nunha explosión de palabras que reflicten a confusión da "súa imaxinación coa súa memoria."  

Afondando no tema da muller, Ana Romaní elabora un discurso directo e desatado que fala dunha poesía que parece crer no seu poder de conmoción social: "Illadas agora ou convictas / aquí estamos amigas de novo reunidas / como un campo de exiliadas / dispostas ao clamor."


Como unha vía intermedia entre María do Cebreiro e Romaní, Marilar Aleixandre, que demostra unha vez máis a fecundidade inacabable da mitoloxía (romana), amplifica citas de Ovidio nunhas mudanzas que buscan enlazar o pasado coa realidade máis inmediata; e, por embaixo de certas escuridades, agroma tamén unha convicción de muller renovada: "entre o edén e a mazá / tomo a mazá / antes a pecadenta amiga da cobra / que a falsa inxenua diso-non-entendo".


O libro de Oriana Méndez, pola súa banda, é un exemplo case paradigmático de poesía comprometida: centrada na historia, na política, e feita a base dunha narratividade empapada de referencias culturalistas. O seu ton utopista conleva, como no caso de Romaní, o desexo dunha experiencia máis comunal da vivencia: "É a convicción de sermos o múltiple." 
 


Hai entre estes libros, tamén, unha poesía de ton máis existencial, na súa maioría dunha dureza diamantina na percepción da vida.


A excepción é Yolanda López, que expón certa ilusión pola vida, a pesar de algúns pesares, e fai da propia forza interior, simbolizada por certas referencias culturalistas, a forza que a pode soster: "... a miña mente ingrávida e indómita. / O meu trampolín..." 
 

Pero máis alá deste caso, as visións poéticas que atopamos nestes libros son desoladoramente feras coa vida.


Arias Rego fai unha acusación ponderada na forma, pero moi amarga no fondo: os seu versos conforman a memoria íntima dunha vida, unha sucesión de breves poemas que reflicten lóstregos de recordos, calmosamente manifestados, pero interiormente atormentados: "Ninguén me coñece enteira. / Non coñezo enteira a ninguén."; "O corpo ten máis memoria / da que pensaba."
 

Os poemas de Emma Pedreira constitúen, no seu caso, unha meditación (con máis de un momento poético excepcional; v.gr. "Hai unha primeira hora na mañá da amencida....") sobre os finais; e non só sobre os que nos entrega a morte, senón sobre todas as devastación inherentes ó paso da vida: "Vou adiantarme á dor e verte pasar como algo desexado / desexando ser algo do primeiro que se esquece. / Ser así como o primeiro día despois de nacer / o máis importante e o primeiro paso caído." 
 

Pero a intransixencia máis radical co sen sentido vital o atopamos nos libros de Pallarés e Kruckenberg.


Kruckenberg consegue unha expresión sutil e moderada para un contido absolutamente apaixonado: "sinto que non aproveitei a vida / ata os límites posíbeis do corazón." O seu libro é unha sorte de axuste de contas con unha mesma, mirando cara atrás, e coa vida. Son versos cortantes, breves, onde o desencanto pola existencia só pode atopar un certo contrapeso no "encanto da natureza. / A única verdade." Esta presenza consoladora da natureza é un motivo recurrente en varios destes libros.

Pallarés é, pola súa banda, implacable. Contundente na descrición dos finais ("o que onte viveu, caia en olvido", "... que amor e ódio crecen do mesmo húmus / e asi no ódio amo e no seu corpo espero"), a súa é unha melancolía do nihilismo, tamén moi precisa na expresión, moi clara e segura de si mesma: "Pero de nada valen a nostálxia ou o inferno."; "... na balanza manda o peso do que perdo". O refuxio, na escritura: "no fulgor extinto dos seus signos / me descifre".



Outros libros presentan unha poesía máis convencional. O libro de Boullosa, por exemplo, e o dunha poesía desatadamente neorromántica ("Formei nos meus beizos o teu nome / e non puiden ve-lo seu fin ..."), con reminiscencias das cantigas de amigo, onde o protagonismo da natureza contextualiza e simboliza a presencia e a ausencia do amado. Soutelo Vázquez, pola súa banda, nun fermoso libro tamén de amor no seu núcleo, aborda as melancolías e desolacións da vida, na que "Non hai mais que soidades / e distancias / que nos poboan / e nos pastorean ...." 
 

Para rematar, a xa citada presenza da natureza interiorízase simbólicamente nos poemas de Mariña Pérez Rei, unha reivindicación un tanto dispersa do fondo natural que todos temos e das posibilidades que agocha: "Son palabras coma cabazos: / transportan a soidade en espigas rubias / de pracer."

Marilar Aleixandre, Mudanzas, PEN Clube de Galicia - Danú, 2007.
Xiana Arias Rego, Acusación, Galaxia, 2009.
Palmira G. Boullosa, Asoladamente, o teu nome, Ediciós do Castro, 1993.

María do Cebreiro, Os hemisferios, Galaxia, 2006.
Mª do Carme Kruckenberg, O enigma do segredo, Barbantesa, 2011.
Yolanda López López, Moralla, Follas Novas, 2013.
Oriana Méndez, Derradeiras conversas co capitán Kraft, Galaxia, 2007.
Pilar Pallarés, Livro das devoracións, Espiral Maior, 1996. 

Emma Pedreira, Antítese da ruína, PEN Clube de Galicia, 2011.
Mariña Pérez Rei, Fanerógama, Sotelo Blanco, 2006. 
Ana Romaní, Estremas, Galaxia, 2010. 
María N. Soutelo Vázquez, Código poético, Sotelo Blanco, 2008.

C.M.