Amosando publicacións coa etiqueta AGA-Ucraína. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AGA-Ucraína. Amosar todas as publicacións

27 abril, 2023

Encontro con Aga-Ucraína, as reseñas

A profesora Alba Payo déixanos unha breve recensión do encontro con AGA-Ucraína.

O alumnado de HMC de 1ºBAC, 4ºESO A e 3ºESO A e C acudiu o mércores 26 a unha charla que ofrecía AGA-Ucraína, a asociación Galega de Axuda a este país.

Dous dos membros desta asociación, Eva e Santiago, explicáronlle ao alumnado algunhas curiosidades dos símbolos ucraínos, como o significado das cores da bandeira, da vyshyvnka, da súa lingua… Tamén lles amosaron unha serie de fotografías da destrución de vivendas, infraestruturas, tendido eléctrico…

A intención é que o alumnado comprenda como, de súpeto, a túa vida pode cambiar e verte abocado a coller unha maleta, fuxir a outro país e converterte nun refuxiado.

Pero, a parte da charla máis emotiva foi a testemuña que nos ofreceu Cristina, unha refuxiada provinte da cidade de Bucha, que escapou ao comezo da guerra pensando que ían ser uns días, que logo se converteron en meses e agora xa nun ano.

E por último, para que o alumnado tomase conciencia da necesidade de axuda humanitaria explicaron os actuais proxectos nos que traballan vinculados á compra de material médico necesario como impresoras 3D para a fabricación de próteses para os mutilados.

Dende o centro aportamos o noso gran de area a modo de axuda económica nas caixas situadas na Biblioteca Mario Pereira, na Conserxaría e en Secretaría.







23 abril, 2023

Encontro con AGA-Ucraína

Organizado e coordinado pola Biblioteca, o profesor Moncho Faílde e a profesora Alba Payo, o mércores 26 terá lugar un Encontro con AGA-Ucraína (Asociación Galega de Axuda a Ucraína) arredor da Crise en Ucraína e o desprazamento forzado da poboación, e que terá como destinatario o alumnado de HMC e de 4ºA e 3ºA da ESO.

 

O relatorio servirá para concienciar o alumnado sobre a problemática dos refuxiados ucraínos que se acheguen a Galicia, e coñecer de primeira man as penurias da sociedade civil ucraína que sobrevive en pleno conflito.

Por todo iso, levarase a cabo unha campaña de recollida de fondos para contribuír á necesidade de envío de subministración e de apoio económico, así como de axuda aos refuxiados ucraínos en Galicia.