Amosando publicacións coa etiqueta Documentais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Documentais. Amosar todas as publicacións

01 decembro, 2014

Nova edición de "Ramón María Aller, astrónomo"

Ramón María Aller, astrónomo
O venres 28 estivo, no Museo de Lalín, o profesor Docobo para presentar a súa recente biografía de Don Ramón.

Despois de conducirnos pola vida e obra do sabio, mostrounos a nova edición (actualizada e ampliada) do seu coñecido documental "Ramón María Aller, astrónomo".

O vídeo atópase no sitio da USC TV e podemos elixir entre as versións en galego, castelán e (isto é novidade) inglés.

29 novembro, 2009

Varela Buxán: un centenario, dous filmes, dúas homenaxes e case trinta anos


Conclúen hoxe, en Cercio, os actos de homenaxe a Varela Buxán, no centenario do seu nacemento. Cercio é o berce do primeiro poeta lalinense, Nun’Eanes de Cercio, e acolle no seu cemiterio os restos do dramaturgo que impulsou a primeira compañía profesional de teatro galego: A compañía gallega de comedias “Maruja Villanueva”, á que lle correspondeu a honra de estrear “Os vellos non deben de namorarse”, por expreso desexo de Castelao.

A Marela séntese culpable de non lle ter dedicado atención a este centenario e contribuír así ao desleixo co que, salvo raras excepcións, o mundo cultural e literario galego tratou e trata a Varela Buxán desde o seu regreso da Arxentina.

De todos os xeitos, dámosvos noticia de dous documentos moi especiais. Trátase de dous filmes en súper 8 producidos por DEZA, CINE POPULAR GALEGO e que agora poden ser vistos en flocos.tv.

O primeiro, Loita, é unha adaptación do Ferreiro de Santán, en cuxo guión colaborou o propio autor. O seu carácter afeccionado e os seus decididos contidos políticos ilustran, alén doutras consideracións, algunhas claves dos esforzos case anónimos da resistencia cultural durante a Transición

O segundo, Tacholas e Varela Buxán é unha peza miscelánea no que podemos atopar fragmentos dun “filme familiar” que testemuña o reencontro destes dous grandes do escena galega na Arxentina por terras dezás. Nunha segunda parte, podemos ver diversas imaxes da homenaxe tributada a Varela Buxán en Cercio,  en 1980.