30 setembro, 2017

L. N. Tolstoi: Notas dun tolo

Notas dun tolo

por Liev Nikoláievich Tolstoi

(Tradución de Perfecto Andrade Grande)

Hoxe celebramos o Día internacional da tradución publicando un texto inédito en galego, grazas -unha vez máis- aos bos oficios e á xenerosidade do noso compañeiro Perfecto Andrade. Neste caso é un relato de Tolstoi, de carácter autobiográfico.

Arzamás. Fonte.

1883. 20 de Outubro. Hoxe conducíronme a declarar ao goberno provincial, e as opinións dividíanse. Discutiron e decidiron que non estou tolo. Pero decidírono así só porque eu me contiven con todas as miñas forzas durante o tempo da declaración para non manifestarme. Non me manifestei porque lle teño medo ao manicomio; teño medo de que alí me impidan ocuparme da miña teima. Declaráronme suxeito a arrebatos, e algunha cousa máis así, pero de mente sa; declaráronme, pero eu ben sei que estou tolo. O doutor receitoume un tratamento, asegurándome que se sigo estritamente as súas prescricións, iso pasará. Todo o que me inquieta pasará. Ai! O que eu daría por que pasase! É demasiado atroz. Contarei por orde como e de que se me fixo exame, como perdín a razón e como descubrín a miña tolemia. Ata os trinta e cinco anos vivín coma todos e non tiña nada notorio. Só algo na primeira infancia: ata os dez anos, tiña comigo algo semellante ao do meu estado actual, pero limitábase a ataques, e non, como agora, que é un estado permanente. Na nenez apoderábase de min dun xeito algo diferente. Velaquí como era:

Lembro que unha vez me deitei a durmir, tiña cinco ou seis anos. Aia Evpraskia -alta, enxoita, de vestido marrón, cunha touca na cabeza e coa pel da papada colgándolle- espiume e meteume en cama.

- Eu só, eu só –botei a falar, e saltei a varanda.
- Veña, déitese, déitese, Fiédenka. Mire Mitia, que ben mandado é. Xa se deitou dixo ela, sinalando a meu irmán coa cabeza.
- Eu saltei á cama, sen soltala da man. Despois deixeina, axitei as pernas baixo a manta e arroupeime. E así estaba ben. Calei e pensei: “Eu quero á aia, a aia quéreme a min e a Mítenka, e eu quero a Mítenka, e Mítenka quéreme a min e á aia. E a aia quere a Tarás, e eu quero a Tarás, e Mítenka quéreo. E Tarás quéreme a min e á aia. E mamá quéreme a min e á aia, e a aia quere a mamá, e a min, e a papá, e todos se queren, e é ben para todos”. E de súpeto oio entrar a ama de chaves correndo e berra con forza algo da azucreira, e a aia dille con forza que ela non a colleu. E a min dóeme, e teño medo, e non entendo, e o terror, un terror frío apodérase de min, e eu agóchome coa cabeza baixo a manta. Pero mesmo na escuridade da manta non me alivio. Lembro como unha vez lle bateron a un rapaz diante de min, como berraba, e a faciana terrible de Foka cando lle batía.
- E non o farás, non o farás, –ordenáballe e seguíalle batendo. O rapaz dicía: “Non o farei”. E o outro ordenáballe “non o farás” e seguía batendo nel. E entón iso apoderouse de min. Empecei a saloucar e saloucar. E durante moito tempo ninguén puido calmarme. Velaí que eses saloucos, esa desesperación, foron os primeiros ataques da miña actual tolemia. Lembro outra vez en que iso se apoderou de min. A tía falaba de Cristo. Falaba e quería irse, pero nós diciamos:
- Conta máis sobre Xesucristo.
- Non, agora non hai tempo.
- Non, conta –e Mítenka pedía que contase. E a tía empezaba de novo o que nos contara antes. Contaba que o crucificaran, que lle bateran, que o atormentaran, e el seguía rezando e non os xulgaba.

- Tía, por que o atormentaban?
- Era xente ruín.
- Pero el era bo.
- Xa está, xa son as nove. Oídes?
- Por que lle pegaban? El perdoou, pero por que lle pegaban? Doíalle? Tía, doíalle?
- Xa está, vou tomar o té.
- E pode ser que fose mentira, que non lle pegasen.
- Basta.
- Non, non te vaias.

E apoderouse de min outra vez, saloucaba, saloucaba, despois empecei a dar coa cabeza contra a parede.



Así se apoderaba iso de min na nenez. Pero desde os catorce anos, desde o tempo en que acordou en min a paixón sexual e me entreguei ao vicio, todo iso pasou, e fun un mozo, coma todos os mozos. Coma todos nós, criados na excesiva comida graxa, melindroso, sen traballo físico e con todas as tentacións posibles para a inflamación da sensualidade, e no medio de nenos tan malcriados, os mozos da miña idade ensináronme o vicio, e eu entregueime a el. Despois ese vicio trocouse noutro. Comecei a coñecer mulleres e así, procurando praceres e atopándoos, vivín ata os trinta e cinco anos. Estaba completamente san, e non tiña ningún síntoma da miña tolemia. Eses vinte anos da miña vida sa pasaron para min de tal xeito que agora case non lembro nada deles e se os evoco é con traballo e noxo.
Coma todos os mozos do meu círculo mentalmente sans, fun ao instituto, despois á universidade, onde rematei a carreira na facultade de dereito. Despois traballei un pouco, despois atopei a miña actual muller e casei e vivín nunha vila, como din, criei os fillos, ocupeime do patrimonio e fun xuíz de paz. No décimo ano do meu casamento tiven o primeiro ataque desde a miña infancia.


A miña muller e máis eu reunimos cartos da súa herdanza e dos meus certificados de desempeño e decidimos comprar unha propiedade. A min ocupábame moito, como debe ser, a mellora da nosa posición e o desexo de agrandala da forma máis intelixente, mellor ca outros. Pescudaba entón por todos os lados onde vendían propiedades, e lía todos os anuncios nos xornais. Eu quería comprar de tal xeito que as rendas ou o bosque da propiedade cubrira a compra e eu recibira a propiedade gratis. Buscaba un parvo que non coñecese o proveito, e unha vez pareceume que atopara un tal. Unha propiedade con grandes bosques vendíase na provincia de Pienza. Por todo o que conseguín saber deducíase que o vendedor era xustamente o tal parvo e os bosques cubrían o prezo da propiedade. Prepareime e partín. Ao principio fomos por ferrocarril (eu ía cun criado), despois fomos en coche de postas. A viaxe era para min moi alegre. O criado, un home novo e bondadoso, estaba tan ledo coma min. Novos lugares, novas xentes. Viaxabamos e aledabámonos. Ata o lugar había unhas duascentas verstas e pico. Decidimos ir sen deternos, só cambiando os cabalos. Chegou a noite e nós seguiamos. Empezamos a toquenear. Eu adormecín, pero de súpeto acordei. Algo me aterrorizou. E como acontece a miúdo, acordei asustado, galvanizado, coma se nunca fose durmir de novo. “Para que vou? Onde vou?” veume de súpeto á cabeza. Non era que non me gustase a idea de comprar unha propiedade barata, pero de golpe pareceume que non necesitaba para nada ir tan lonxe, que ía morrer nun lugar alleo. E espanteime. Serguei, o criado, espertou, eu aproveitei para falar con el. Comecei a falar da rexión na que estabamos, el respondeu, fixo bromas, pero eu aburríame. Falamos dos domésticos, sobre como comprariamos. E a min asombrábame o alegre que el respondía. Todo lle resultaba bo e ledo, e a min todo me resultaba odioso. Pero aínda así, mentres falaba con el, sentíame máis aliviado. Pero ademais de que me aburría e me aterraba, empezaba a sentir cansazo, desexo de parar. Parecíame que entrar na casa, ver xente, beber té, e o principal -adormecer- sería máis fácil. Achegabámonos á cidade de Arzamás.

- E que, por que non paramos aquí? Descansamos un pouquiño?
- Moi ben, perfecto.
- Que, queda lonxe aínda a cidade?
- A unhas sete verstas.

O cocheiro, pausado, coidadoso e calado, guiaba amodo e fatigosamente. Nós deixabámonos levar. Eu calaba, aliviárame, porque esperaba diante un descanso e contaba conque alí todo pasara. Iamos, iamos na escuridade, a min parecíame terriblemente longo. Chegamos á cidade. Todo o mundo durmía xa. Aparecían na escuridade casiñas, soaba a campaíña e o trote dos cabalos, resoando especialmente, como ocorre cerca das casas. En algures pasaban casas grandes e brancas. E todo iso era triste. Eu esperaba a parada, o samovar e o descanso -deitarse. Chegamos finalmente a unha casiña cun poste. A casiña era branca, pero a min pareceume terriblemente triste. De tal xeito que se me fixo mesmo sinistro. Baixei amodiño. Serguei, vivo e animado, sacou o necesario, correndo e petando no soportal. E os sons dos seus pés producíanme angustia. Entrei, había un corredor, un home somnolento cunha mancha no pescozo, esa mancha pareceume horrible, amosounos o cuarto. Era un cuarto tenebroso. Entrei, aínda me angustiei máis.

– Non hai un cuartiño para descansar?
– Hai un. Este mesmo.

Un cuartiño cadrado limpamente branqueado. Lembro como me atormentaba que o cuartiño fose precisamente cadrado. Fiestra había unha, cunha cortina, vermella. Unha mesa de bido de Carelia e un diván de beiras curvas. Entramos. Serguei preparou o samovar, serviu o té. E eu collín a almofada e deiteime no diván. Eu non durmía senón que escoitaba como Serguei bebía té e me chamaba. Eu tiña terror a erguerme, pasear o sono e sentar nese cuarto infundíame terror. Non me levantei e comecei a adormecer. Probablemente durmín, porque cando abrín os ollos non había ninguén no cuarto e estaba escuro. Estaba de novo tan esperto coma no coche. De durmir, sentía que non había ningunha posibilidade. Para que fun alí? A onde me dirixo? De que, de onde escapo? –Escapo de algo terrible e non o consigo lograr. Estou sempre comigo e son o meu torturador. Eu son el, eu todo estou alí. Nin a de Pienza, nin ningunha propiedade, me dá nin me quita nada. Senón que son eu mesmo, eu mesmo o que me farto, o que non me aturo, o que me torturo. Quero durmir, esquecerme, e non podo. Non podo saír de min mesmo. Saín ao corredor. Serguei durmía nun escano estreito, quitando o brazo, pero durmía docemente, e o garda da mancha durmía. Saín ao corredor, pensando escapar do que me atormentaba. Pero iso saíu tras de min e ensombrecía todo. Eu aínda tiña máis terror. “Pero que parvada é esta? -dicíame a min mesmo. Por que me angustio? Que temo?”. -”A min -silenciosamente respondía a voz da morte, estou aquí”. O frío rachábame a pel. Si, da morte. Ela chega, velaí está, e non debía estar. Se verdadeiramente a morte estivese ante min, non podería sentir o que sentía, entón tería medo. E agora non tiña medo, senón que vía, sentía que a morte se achegaba, e xunto con iso sentía que non tiña que estar. Todo o meu ser sentía a esixencia, o dereito á vida e xunto con iso a morte realizándose. E ese esgazadura interior era horrible. Eu intentaba sacudir ese horror. Atopei unha palmatoria de cobre co cirio queimado e acendino. O lume vermello da vela e o seu tamaño, un pouco menor que a palmatoria, seguía dicindo o mesmo. Non hai nada na vida, de non ser a existencia da morte, e non debería haber. Probei a pensar no que me ocupaba: na compra, na esposa: non só non había nada alegre, senón que todo iso se volvía nada. Todo o cubría o terror pola propia vida esmorecente. Había que durmir. Deiteime. Pero nada máis deitarme, de súpeto choutei de terror. É a angustia, é a angustia, unha angustia espiritual tal como a que hai ante o vómito, só que espiritual. Espanto, terror, parece que a morte é terrible, pero lembras, pensas na vida, na vida esmorecente e é terrible. Dalgún xeito a vida e a morte confluían nun. Algo rachaba a miña alma en anacos e non a chegaba a rachar. Outra vez pasei a ver os dormentes, outra vez intentei adormecer, seguía ese terror vermello, branco, cadrado. Algo se rompe pero non chega a romper. Atroz, e atrozmente seco e maligno, nin unha pinga de bondade sentía en min, só unha maldade plana e calma contra min e o que me fixo. Que me fixo? Deus, din, Deus. Rezar, lembrei. Había moito, uns vinte anos, que non rezaba e non cría en nada, a pesar de que, por decoro, facía xaxún cada ano. Comecei a rezar. Señor ten piedade, noso pai, ave maría. Comecei a recompilar oracións. Comecei a persignarme e a implorar no chan, mirando arredor e temendo que me visen. Coma se iso me distraese, distraíame o medo de que me visen. E deiteime. Pero nada máis deitarme e pechar os ollos, de novo ese sentimento de terror empurroume, ergueume. Non podía aturar máis, espertei ao garda, espertei a Serguei, ordenei enganchar e marchamos. Ao aire e en movemento a cousa mellorou. Pero sentía que algo novo se asentara na miña alma e envelenara toda a vida anterior.

Contra a noite, chegamos ao lugar. Todo o día loitara coa miña angustia e vencina, pero na alma había un terrible sedimento: xusto ocorrera comigo unha desgraza que e eu só podía esquecer temporalmente, pero que estaba alí no fondo da alma e me posuía.

Chegamos polo serán. O vello administrador, aínda que non alegremente (desgustáballe que se vendese a propiedade), recibiume, non obstante, ben. Cuartos limpos con mobles acolchados. Brillante samovar novo. Gran vaixela de té, mel co té. Todo estaba ben. Pero eu, como repetindo unha vella lección esquecida, pregunteille de mala gana sobre a propiedade. Todo era triste. Pola noite, así e todo, adormecín sen angustia. Atribuíno a que de novo recei pola noite. E despois comecei a vivir como antes, pero -desde aquela- o medo desa angustia pendurou sobre min para sempre. Eu debía, sen determe, e principalmente, nas condicións habituais, vivir, como un estudante que, por hábito e sen pensar, recita a lección aprendida de memoria. Así debía vivir eu, para non caer de novo no poder desa terrible angustia que aparecera por primeira vez en Arzamás. Volvín á casa con éxito, a propiedade non a comprei, non chegaban os cartos, e comecei a vivir como antes, só cunha diferenza: que comecei a rezar e ir á igrexa. Parecíame como antes, pero xa non como antes, segundo agora lembro. Vivía o empezado antes, seguía rodando polos raís deitados antes coa forza de antes, pero xa non emprendía nada novo. E no antes empezado tiña xa menos implicación. Todo me aburría. E fíxenme devoto. E a miña muller notouno e berraba comigo e chuzaba en min por iso. A angustia non se repetiu na casa. Pero unha vez fun inesperadamente a Moscova. Prepareime polo día e saín polo serán. Era cousa dun proceso. Cheguei a Moscova contente. Polo camiño charlei cun terratenente de Kharkov sobre a economía, sobre os bancos, sobre onde parar, sobre os teatros. Decidimos parar xuntos no mesón Moscovita, en Miasnítskaia, e inmediatamente ir a “Fausto”. Chegamos, eu entrei nun pequeno cuarto. O pesado cheiro do corredor metéuseme nas ventas. O porteiro introduciu a maleta. A moza do corredor prendeu unha vela. A vela acendeuse, despois o lume baixou, como sempre pasa. No cuarto veciño alguén tusiu, probablemente un vello. A moza saíu, o porteiro quedou, preguntando se había que desfacer a equipaxe. O lume reviviu e alumeou un empapelado azul con raias marelas, un tabique, unha mesa escanastrada, un divanciño, un espello, unha fiestra e o estreito tamaño de todo o cuarto. E de súpeto o terror de Arzamás removeuse en min. “Meu Deus, como vou pasar a noite aquí”?, pensei.

- Desfai as maletas, querido, –díxenlle ao porteiro, para retelo. “Vístome rápido e ao teatro”.

O porteiro desfixo as maletas.

- Por favor, querido, vai onda o señor do cuarto oito. Chegou comigo. Dille que estou listo e que vou onda el.

O porteiro saíu, e comecei a apresurarme a vestirme, temendo mirar as paredes. “Que parvada -pensei eu-, de que teño medo, xusto coma un neno. Non temo as pantasmas. Si, as pantasmas... mellor sería temer as pantasmas que o que eu temo. –Que? –Nada... A min mesmo... Parvadas”. Eu, con todo, puxen unha camisa amidonada dura e fría, pasei os xemelgos, vestín a levita, os botíns novos e fun onda o terratenente de Kharkov. El estaba listo. Fomos a “Fausto”. El aínda se foi peitear. Eu cortei o pelo onda un francés, charlei co francés, comprei unhas luvas, todo estaba ben. Esquecín completamente o cuarto alongado e o tabique. No teatro foi tamén agradable. Despois do teatro, o terratenente de Kharkov propuxo ir cear. Iso estaba fóra dos meus hábitos, pero cando saímos do teatro e mo propuxo, lembrei o tabique e aceptei.

Ás dúas volvemos a casa. Eu bebera, contra o meu costume, dous vasos de viño, pero estaba contento. Nada máis entrar no corredor coa lámpada cuberta e apoderarse de min o cheiro do hotel, un frío de terror correume polo lombo. Pero non había nada que facer. Aperteille a man ao camarada e entrei no cuarto.

Pasei unha noite terrible, peor que a de Arzamás. Só pola mañá, cando xa tras a porta empezaba a tusir o vello, acordei, e non no leito, no que me deitara varias veces, senón no diván. Toda a noite sufrín dun xeito insoportable, de novo -con tormento- esgazábase a alma do corpo, “Eu vivo, vivín, debo vivir, e de súpeto a morte, a aniquilación de todo. Para que a vida? Morrer? Matarme agora mesmo? Teño medo. Esperar a morte, cando veña? Teño aínda máis medo. Vivir, pois? Para que? Para morrer”. Non saía dese círculo. Collía un libro, lía. Durante un minuto esquecíame, e de novo esa pregunta e o terror. Deitábame na cama, pechaba os ollos. Aínda peor. Deus fixera iso. Para que? Din: non preguntes, reza. Ben, recei. Agora rezaba, de novo coma en Arzamás; pero alí e despois simplemente rezaba coma os nenos. Agora o rezo tiña sentido. “Se existes, descúbreme, para que, que son? Imploraba, lía todas as pregarias que coñecía, compoñía as miñas e engadía: “Así que maniféstate xa”. E calaba e esperaba a resposta. Pero non había resposta, coma se non houbese ninguén que puidese responder. E eu quedaba só, só comigo mesmo. E dábame respostas en lugar do que non quería responder. Para vivir na vida futura, respondíame a min mesmo. Pero entón para que esta escuridade, esta tortura? Non podo crer na vida futura. Cría cando non preguntaba con toda a alma, pero agora non podo, non podo. Se ti existises, diríasmo a min, á xente. Pero non existes, só hai desesperación. E eu non quero, non a quero. Sublevábame. Pedíalle que me revelase a verdade, que se descubrise ante min. Eu facía todo o que todos fan pero el non se revelaba. Pedide e darásevos, lembrei, e eu pedía. E nesa petición atopaba non consolo, senón repouso. Pode ser que eu non pedise, que o rexeitase. “Ti estás a unha cuarta, e el de ti a dous metros”. Eu non cría nel, pero pedía, e el -así e todo- non me revelaba nada. Eu botaba contas con el e condenábao, simplemente non cría.

Ao día seguinte empreguei todas as forzas para acabar todos os asuntos no día e librarme da noite no cuarto. Non acabei todo e volvín ao hotel pola noite. Non había angustia. Esa noite moscovita cambiara aínda máis a miña vida, que empezara a cambiar en Arzamás. Comecei a ocuparme aínda menos das cousas, e a apatía apoderouse de min. Ademais a miña saúde comezou a debilitarse. A miña muller esixía que me tratase. Ela dicía que as miñas teimas sobre a fe, sobre Deus, saían da enfermidade. Eu sabía ben que a miña debilidade e enfermidade procedían da pregunta sen resposta dentro de min. Intentaba non dar paso a esa pregunta e nas condicións habituais esforzábame en encher a vida. Ía á igrexa os domingos e festivos, facía abstinencia, xaxuaba mesmo, como establecera desde a viaxe a Pienza, e rezaba, pero máis como hábito. Eu non esperaba nada diso, coma se rompese unha letra e a protestase no prazo, a pesar de coñecer a imposibilidade de recibir da letra. Facíao só por se acaso. A miña vida enchíaa non coa economía, ela repelíame coa súa loita -non tiña enerxía- senón coa lectura de revistas, xornais, novelas, coas cartas un pouco, e a única manifestación da miña enerxía era a caza conforme un vello costume. Toda a vida fun cazador. Unha vez chegou en inverno un veciño cazador con galgos para os lobos. Fun con el. No lugar puxemos os esquís e fomos ao sitio. A caza foi infrutuosa, os lobos escaparon a través da batida. Eu oíno desde lonxe e fun polo bosque a seguir un rastro fresco de lebre. As pegadas leváronme lonxe nun claro. No claro atopeina. Saltou de tal xeito que non a vin. Volvín atrás. Volvín atrás por un bosque grande. A neve era profunda, os esquís afundíanse, os cadelos encerellábanse. Todo se facía cada vez máis xordo. Comezaba a preguntarme onde estaba, a neve cambiara todo. E de súpeto sentín que me perdera. Ata a casa, ata os cazadores había moita distancia, non se oía nada. Eu estaba canso, todo suado. Se paraba conxelaríame. Se andaba as forzas faltaríanme. Berrei, todo estaba silencioso. Ninguén respondeu. Volvín atrás. Tampouco era. Mirei. Arredor, o bosque, non distingues onde está o leste e onde o oeste. De novo volvín atrás. As pernas estaban cansas. Asusteime, parei, e apoderouse de min todo o terror de Arzamás e de Moscova, pero cen veces maior. O corazón batía, os brazos e as pernas tremelicaban. A morte está aquí? Non quero. Para que a morte? Que é a morte? Eu quería coma antes interrogar, reprochar a Deus, pero entón de súpeto sentín que non me atrevía, que non debía, que non había que pedirlle contas a el, que el dixo o necesario, que eu só era o culpable. E comecei a pregar o seu perdón e fíxenme malo para min mesmo. O terror prolongouse pouco tempo. Quedei de pé, recupereime e fun por un lado e saín pronto. Non estaba lonxe da zona. Saín ao lugar, ao camiño. As mans e as pernas seguían a tremelicar e o corazón batía. Pero eu estaba ledo. Alcancei os cazadores, volvemos a casa. Eu estaba alegre, pero sabía que tiña algo de ledicia que descifraría cando estivese só. Así sucedeu. Quedei só no meu pequeno gabinete e comecei a rezar, pedindo perdón e lembrando os meus pecados. Parecíame que tiña poucos. Pero lembrábaos, e facíanseme ruíns.

Desde ese tempo comecei a ler as Sagradas Escrituras. A Biblia parecíame incomprensible, sedutora, o Evanxeo conmovíame. Pero o que máis lía eran as vidas dos santos. E esa lectura consolábame, presentando exemplos, que cada vez parecían máis posibles para a imitación. Desde entón ocupeime cada vez menos das cousas da economía e da familia. Repelíanme mesmo. Parecíame que nada era como tiña que ser. Como tiña que ser, eu non o sabía, pero o que era a miña vida deixou de selo. De novo na compra dunha propiedade aprendín iso. Vendíase non lonxe de nós unha propiedade moi proveitosa. Fun, todo era marabilloso, vantaxoso. Especialmente vantaxoso resultaba a circunstancia de que a terra dos campesiños só eran hortas. Entendín que eles debían facer a recolleita dos campos do terratenente de balde, polo pastoreo, e así era. Apreciei todo iso, todo iso gustoume polo antigo costume. Pero fun á casa, atopei unha vella, preguntei polo camiño, falei con ela. Ela faloume das súas necesidades. Cheguei á miña casa e, cando comecei a contarlle á muller as vantaxes da propiedade, de repente avergonceime.

Fíxoseme abominable. Dixen que non podía comprar esa propiedade porque a nosa ganancia estaría fundada na miseria e a dor da xente. Dixen iso e de súpeto iluminoume a verdade do que dixera. O principal, a verdade de que os aldeáns tamén queren vivir coma nós, que son xente, irmáns, fillos do Pai, como está dito no Evanxeo. De súpeto como algo que durante moito tempo me oprimira arrincouse de min, xusto coma se nacese. A muller enfadouse, rifoume. Pero eu sentinme feliz. Ese foi o comezo da miña tolemia. Pero a miña tolemia plena comezou aínda máis tarde, pasado un mes diso. Comezou con que fun á igrexa, estaba na misa, rezaba ben e escoitaba, e estaba conmovido. E de súpeto trouxéronme a hostia, despois foron á cruz, comezaron a empurrarse, despois na saída había mendigos. E de súpeto fíxoseme claro que todo iso non debía ser así. Non só que iso non debía ser, que iso non, pero se iso non, entón non había nin morte nin medo, e xa non había en min o anterior conflito, e xa non temo nada. Entón mesmo a luz me iluminou por completo, e fíxenme o que son. Se non houbese nada diso, en primeiro lugar nada habería en min. Así que no mesmo adro repartín o que tiña, trinta e seis rublos, aos mendigos e fun a casa a pé, falando co pobo.

Notas
(V. Ia. Linkov)
O relato foi impreso por primeira vez na edición: “Obras de arte póstumas de L. N. Tolstoi” baixo a redacción de V. G. Chertkov, t. 3. Moscova. 1912.
Por primeira vez sobre o proxecto do relato Tolstoi fai mención o 30 de marzo de 1884 no Diario: “Viñéronme á cabeza unha “Notas non dun tolo”. Que vivamente as sufrín...” (t. 49, pp.75-76). Consérvase un autógrafo dun fragmento das “Notas dun tolo”, relativo a abril de 1884. O relato non foi rematado, aínda que o escritor volveu a el en 1887, 1888, 1896 e 1903. Nas “Notas dun tolo” reflectíanse os sufrimentos persoais de Tolstoi da súa estadía en Arzamás en setembro de 1869, cando ía á provincia de Pienza co fin de comprar unha propiedade. Sobre o estado experimentado por el nese tempo (“o terror de Arzamás”) escribiu: “...estaba terriblemente canso, quería durmir e non me doía nada. Pero de súpeto apoderouse de min unha angustia, un medo, un terror tales coma nunca experimentara” (t. 83, p. 167).



Reprodúcese da edición: L. N. Tolstoi. Obras reunidas en 22 tomos. Moscova. Khudozhestvennaia literatura, 1982. T. 12.

Ningún comentario: