06 xullo, 2023

Coa nosa xente : Benxamín Otero, non en van

 

Benxamín, Celso e Carlos nun momento do acto / Foto: Severiano Casalderrey

De novo contamos na sección Coa nosa xente coa presenza de Benxamín Otero. Xa a Marela no seu momento deu conta dalgunhas das súas múltiples actividades culturais. Figura polifacética, vén de nos agasallar cunha acolledora presentación poética, a que tivo lugar na cafetaría O Asubío de En van, un suxestivo libriño de Benxamín Otero no cal nos achega textos poéticos e fotografías complementares, ou viceversa; e que contou na presentación do mesmo coa impagábel compaña de Carlos Negro e Celso Fernández Sanmartín.

Carlos, nun alarde de plasticidade crítica, argumentou o libro de Benxa alicerzado nunha poética recensión que sintetizou co último verso do mesmo: volvo regalar flores.

Por parte, Celso deixounos unha lúcida reflexión con certas doses de humorismo sobre o Benxa poeta que acrecenta a dimensión “renacentista”, termo co que cualificou a súa fonda actividade cultural da que xa ten dado conta a Marela:

“Músico de mil músicas”, “actor de sete estalos”, como foi descrito no seu momento na Marela, e agora poeta de exacerbado lirismo, faceta esta en concordancia coa súa actividade musical na procura de fusionar palabra e son.

Por último, Benxa, que iniciou o acto cun só de corno inglés, deu cabo ao mesmo reflexionando sobre o porqué do libro, construído en base a unha reiterada anécdota entre o eu do poeta e a poética do cotián inserida no lirismo da natureza, que parafraseando a Carlos se verifica no derradeiro verso do libro, como xa antedito ficou de manifesto e que resume ás claras o ser creativo Benxa: volvo regalar flores.

Parabéns Benxa polo agasallo.


Benxamín asinando libros / Foto Severiano Casalderrey


Ningún comentario: