Amosando publicacións coa etiqueta Neira Vilas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Neira Vilas. Amosar todas as publicacións

27 novembro, 2015

Taravela, miña taravela... Así que te levan da nosa beira?

O rapaz cala. Siguen camiñando. Atravesan o regueiro e a vaca baixa o fuciño. Mentres bebe, olla a súa propia face no espello da auga. Sinte como se lle apremasen a gorxa.
NEIRA VILAS, Xosé (1976): A Marela Taravela. Celta. Lugo. p.56


 /.../
Seguiron andando. O facho da lúa vella pousábase na terra, facendo máis levadeiro o camiño.
NEIRA VILAS, Xosé (1976): A Marela Taravela. Celta. Lugo. p.57

[Fomos nós quen partiu e ti os que quedaredes]


[Primeiros anos: Emigrei a Buenos Aires para ter libros e para estudar]


 






19 febreiro, 2013

Erros e Tánatos na Marela



A Marela Tarabela (a orixinal, a impresa) acaba de sacar un novo número.



Trátase dunha Guía (ou conxunto de suxestións) de lectura sobre Erros e Tánatos de Gonzalo Navaza.



Se lle queredes botar unha visual podédela descargar en PDF aquí mesmo: A marela tarabela 16


Se queredes mirar algunhas das anteriores, velaquí as están.
 
 A marela tarabela 6 (Guía de lectura: Casas Baratas de Antón Riveiro Coello)

 A marela tarabela 9 (Guía de lectura: Made in Galiza de Sechu Sende)

A marela tarabela 12 (Guía de lectura: Comedia bífida de Manuel Núñez Singala)

A marela tarabela 13 (Guía de lectura: Non hai misericordia de Xelís de Toro)

A marela tarabela 14 (Guía de lectura: Galván en Saor de Darío Xohán Cabana)

A marela tarabela 15 (Guía de lectura: Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas)



16 abril, 2012

Encontro con Xosé Neira Vilas

Será o próximo luns (23 de abril), ás 12 no salón de actos do instituto.

Non se sabe quen nos puxo o de "marelateca". Enténdese que nolo puxeron polo nome do Boletín, primeiro, e deste blogue, despois. Sábese (ou debería saberse) que ese nome, A Marela Tarabela, remite á noveliña de Neira Vilas. Ese foi o noso xeito de homenaxealo a el e a Anisia. Por iso nos soa tan ben o de Marelateca. Por iso nos resulta tan especial a visita do luns.

Por iso nos gustou elaborar un monográfico da Marela Tarabela (impresa) sobre Memorias dun neno labrego e por iso nos apetece compartilo convosco en PDF.

09 marzo, 2012

Marela para "Memorias dun neno labrego"

Xa temos unha nova Marela en papel. Esta é moi especial, pois ben vedes que o nome é toda unha homenaxe na Neira Vilas.

Velaquí está a guía de lectura (que podedes descargar en PDF) dedicada a “Memoriasdun neno labrego”:

 


03 febreiro, 2010

Necesaria Anisia


Moi de cando en vez, catalogar un libro prodúceme un estremecemento. Este é o caso.

Homenaxe a Anisia Miranda distribuíuse o sábado pasado no auditorio de Vila de Cruces, despois do acto celebrado na súa memoria.

Co libro nas mans, renovo as palabras de amor feroz con que Mini e Mero introduciron as tres pezas que lle serviron á Quenlla para abrir o acto e vólvome erguer en compañía dun auditorio ateigado para ovacionar longamente, como eu nunca vira, a Neira Vilas tras pronunciar os agradecementos que o clausuraron. “Xuntos” foi a palabra que -anáfora nunca gastada- estruturou o seu discurso, xuntos Xosé Neira e Anisia.

O libro é un agasallo póstumo da propia Anisia: un percorrido pola súa biografía e unha selección de textos seus.

Ao longo da xeografía central da nación errante (Bos Aires – A Habana – A Terra), Anisia empeñouse en activar a lectura, dirixíndose especialmente á xente máis nova. Fundadora da distribuidora Follas Novas na Arxentina, man dereita de Alejo Carpentier na Editorial Nacional cubana, directora e redactora (ás veces única) de revistas infantís..., autora en castelán e galego, Anisia segue, aquí, necesaria.

Ninguén, entre os nosos, dedicou tanto tempo e talento á animación á lectura. Ninguén entre os nosos (e aínda somos ben deles con ben empeño, meus fozabibliotecas!), poderá construír unha biblioteca como a de Gres:

A casa do Romano comezou a reconstruírse co propósito de que nela se instalase unha biblioteca pública /.../
A nova da futura biblioteca espallouse na prensa e pola comarca do Ulla, e os comentarios eran: Unha biblioteca en Gres! Coido que sen malicia ningunha, ninguén o cría posible.
Tiñamos decidido que o que fora sobrado –dormitorio común da familia- destinaríase a sala de lectura para adultos, a dos nenos e adolescentes radicaría na que tiña sido corte da única vaca” (de Biblioteca na aldea in A Nosa Terra, Vigo, 1997)

Pois si, aí a está, na corte da única vaca, desa única vaca que nós, os da Marela Tarabela, escollemos para que nos tutelase e nos chuzase co fin de seguirmos buscando nas pegadas da sempre necesaria Anisia.