12 novembro, 2014

Blacksad, premio nacional de cómic

Blacksad, por Miguelanxo Prado, desde Blacksadsamania
Despois de merecer varios dos premios máis importantes do mundo (Eisner, Angouleme, Harvey, Salón del Cómic de Barcelona), Canales e Guarnido honran o nacional de cómic, coa súa creación Blacksad.

Na biblioteca dispoñedes dos cinco volumes que ata o momento configuran a serie. De feito é unha das BD máis solicitadas.

A Marela BD ofrécevos información, con diversas ligazóns e material multimedia, sobre cada título.

Parabéns,  Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido.


Podédeslle botar un ollo a:



09 novembro, 2014

Encontro con... Ramón Cid Manzano

O xoves 13 de novembro, falaremos sobre Enerxía nuclear no salón de actos co profesor e divulgador Ramón Cid Manzano.


Non esquezades pararvos un chisquiño na exposición do CSIC: La energía nos mueve.

07 novembro, 2014

Poetemáticas 5: poesía grega

Nun manuscrito do século X que contén unha manchea de poemas de todas as épocas da poesía grega aparecen uns cincuenta poemas que conteñen cuestións matemáticas. A maioría son os típicos problemas de mazás polos que todos pasamos de pequenos, pero hai de todo. Aí vos vai algún a ver se os dades resolto.


Ἁ Κύπρις τὸν Ἐρωτα κατηφιόωντα προσηύδα:

Τίπτε τοι, ὦ τέκος, ἄλγος ἐπέχραεν; ὅς δ' ἀπάμειπτο.

Πιερίδες μοι μῆλα διήρπασαν ἄλλυδις ἄλλη,

αἰνύμεναι κόλποιο, τὰ δὴ φέρον ἐξ Ἐλικῶνος.

Κλειὼ μὲν πέμπτον λάβε. δωδέκατον δέ

Εὐτέρπη. ἀτὰρ ὀγδοάτην λάχε δῖα Θάλεια.

Μελπομένη δ' εἰκοστὸν ἀπαίνυτο. Τερψιχόρη δὲ

τέτρατον. ἑβδομάτην δ' Ἐρατώ μετεκίαθε μοίρην.

ἡ δὲ τριηκόντων με Πολύμνια νόσφισε μήλων.

Οὐρανίη δ' ἑκατὸν τε καὶ εἴκοσι. Καλλιόπη δὲ

βριθομένη μήλοισι τριηκοσίοισι βέβηκε.

σοὶ δ' ἄρα κουφοτηρῃσιν ἐγὼ σὺν χερσὶν ἱκάνω,

πεντήκοντα φέρων τάδε λείψανα μῆλα θεάων.



Afrodita dicíalle a un entristecido Eros:

“Pero por que a dor se botou sobre ti?” E este contestou:

“As Piérides roubáronme as mazás colléndoas

cada unha para un lado do meu regazo, eu trouxéraas desde o Helicón.

Clío tomou a quinta parte, a doceava parte

Euterpe, e a oitava parte tocoulle á divina Talía,

Melpomene colleu a vixésima parte, Terpsícore

a cuarta parte, Erato perseguía a sétima parte.

Polimnia rouboume trinta mazás.

Urania cento vinte, Calíope

ía cargada con trescentas mazás.

Eu veño a ti coas mans ben lixeiras,

con estas cincuenta mazás que me deixaron as deusas”.


   



Τίπτε με τῶν καρύων ἕνεκεν πληγῇσι πιέζεις; 

ὦ μῆτερ, τάδε πάντα καλαὶ διεμοιρήσαντο

παρθήνοι. Ἡ γὰρ ἐμεῖο Μελίσσιον ἕβδομα δοιά,

ἡ δὲ δυωδέκατον Τιτάνη λάβεν. ἕκτον ἔχουσιν

καὶ τρίτον Ἀστυόχη φιλοπαίγμονες ἠδὲ Φίλιννα.

εἴκοσι δ`ἁρπάξασα Θέτις λάβε, δώδεκα Θίσβη.

ἡ δ', ὅρα, ἡδὺ γελᾷ Γλαύκη παλάμῃσιν ἔχουσα

ἕνδεκα. τοῦτο δέ μοι κάρυον περιλείπεται οἷον.



Pero por que me atormentas con golpes por unhas noces?

Madre, unhas guapas nenas repartíronse todas estas.

Pois de min colleu Melisiña dúas sétimas partes,

Titane a doceava. As alegres Antíoque e Filina

teñen a sexta e a terceira parte.

Vinte colleu Tetis roubándoas, Tisbe doce.

Glauca, mira para ela, ri docemente tendo nas mans

once, a min só me resta unha única noz.


[Tradución de Servando Lois]

06 novembro, 2014

Catálogo oneroso de beleza gratuíta

Imaxe: Tebeosfera.com

Inquietante e sedutora. Así é Catálogo oneroso de beleza gratuíta de Fran Bueno. Cada páxina preséntase como un ficha e cada ficha vén resultando un instante, ou mellor, unha instantánea (de viaxe) de vida (e territorios adxacentes).

Poderíase dicir que non hai progresión, que falta a secuencialización e que iso supón toda unha negación da chamada arte secuencial, un atentado en toda regra contra os alicerces da BD. Se así fose, nada alarmante acontecería: a arte dos cadriños ten madureza abondo como para admitir calquera experimentación e Fran Bueno suficiente pericia para ensaiala.

Con todo, non é o caso: Fran Bueno experimenta, pero non fulmina a construción secuencial. Na vida hai secuencia e simultaneidade, e malia o formato libro impornos certa linealidade na lectura, en Catálogo oneroso... atopamos unha proposta máis arriscada: velaquí está unha vida na que, como en todas, todo o que sucede sucédese, solápase e acontece ao mesmo tempo -semella dicirnos a cada paso, mentres mira de reollo para o tempo, ese mentireiro tan amado das artes narrativas.

Pensemos nun viaxeiro de hai cen anos enviando postais e fotos de fotógrafos ambulantes desde cada lugar en que pare. Alguén as recibe e acaba por gardalas nunha caixa, sen ningunha orde. Iso é unha tarefa que deixa para os que veñan despois. Cadaquén tratará de ordenalas, reconstruíndo a viaxe ou a esencia da viaxe. Os instantes e instantáneas aparecerán barallados de diferentes xeitos e cada ordenación acollerá, dentro de si, centos, miles de momentos imaxinados por cada un dos que a realiza. Algo así fai Fran cun ferrado de fragmentos de vida, presentados en 46 fichas.

Así e todo, o autor -nun pequeno (grande) exercicio de virtuosismo- vai enfiando tales fragmentos con fino e tenue fío. Descubrilo (ollo: non resulta nada críptico!) é un delicioso bocado que se lle ofrece ao lector e, sobre todo, é unha invitación a ir e volver sobre o libro, a abrilo ao chou ou a buscar secuencias... a xuntar escenas por temas, por motivos, por exercicios "metacomiqueiros", por "xéneros", por ducias de criterios que podemos idear... En cada ficha hai o xerme dun conto, dun poema, dunha viaxe ao futuro ou dun mergullo na historia (con h e con H). Así é a caixa que nos preparou Fran coa -iso si- parte amable da vida: seleccionando instantáneas amables, pousando tenrura no cotián, deborcando un delicado humor sobre o concreto e o abstracto, todo iso e máis para propoñernos un exercicio de liberdade lectora: ídeo barallando e creade unha chea de vidas amenas.

Imaxe: Komic
Que non poderemos imaxinar a partir da primeira ficha? É unha azucena que evoca o estilo das vellas láminas de natureza (cantas homenaxes á historia da ilustración!) e que se acompaña deste texto:
[Unha flor] Este é o catálogo de beleza gratuíta, e esta é a sua primeira entrada. A máis fácil, a máis manida e obvia. Pero por favor párate a botarlle un ollo no parque, no campo ou nunha maceta. [Párate e mira as flores] [Son gratis]
  Cantos miles de imaxes non nos poderemos figurar para as tres últimas fichas, reducidas a tres únicas palabras:
A XUSTIZA, A PAZ, A ESPERANZA
E a parte gráfica? Estamos ante un  debuxo claro e harmónico na diversidade de recursos e  mesmo de estilos que interpreta. Un grafismo tan igual e tan diferente dunhas fichas a outras como o pode ser un día fronte ao que o sucede, tan diverso e tan semellante como o pode ser cada día en si mesmo ou en comparación con calquera outro... Acaso non era iso a esencia do libro?

CODA: O xogo  autor / narrador(es) que se nos propón é complexo e fascinante. Esbozalo precisaría de máis liñas que as que ata agora se usaron. Se cadra noutra ocasión...

Polo demais,
Fran, aí atrás aproveitabamos a nosa felicitación polo premio para agradecerche a túa axuda á hora de construírmos a nosa colección de BD. Podémonos repetir? Parabéns e graciñas, Fran,  por ofrecernos esta obra extraordinaria.

Exposición CSIC : A enerxía móvenos

A exposición de "La energía nos mueve" do CSIC, composta por dezanove carteis (que decargamos e imprimimos), leva uns días na entrada do instituto.


Tal e como adoitamos, elaboramos un tríptico guía para axudar o alumnado a ler algunhas cousas.


A novidade é que, deste golpe, os de primeiro e segundo poderán contestar na Aula Virtual.
-