10 maio, 2023

Visita Radio Lalín

Esta mañá, o alumnado de 4º da ESO que forma parte do Programa Radio na Biblio tivo a oportunidade de coñecer un estudio de radio real, acompañados por María Barcala, coordinadora da radio e Uxía Nogueira, responsable da Biblioteca. Na sede de Radio Lalín, os rapaces e as rapazas do IES Aller Ulloa escoitaron as explicacións de Gumer Portas e comprobaron como se emite en directo. Resolveron dúbidas acerca da necesidade dun guión sobre o que traballar, descubriron como se pode transmitir desde un lugar diferente á propia emisora e quedaron convidados a botar man da radio local cando o necesiten.

Mais non podían saír de alí sen seren eles mesmos locutores por un día, así que, mans á obra, puxeron os cascos, abriron os seus portátiles e leron un conto que recolle, de maneira ficticia, a vida de Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado o vindeiro 17 de maio.







08 maio, 2023

Visita ao Parlamento de Galicia

Este luns 8 de maio, o alumnado de 3º da ESO, acompañado das profesoras Alba Payo, Sofía Ardariz e Eva Álvarez,  realizou unha saída didáctica a Santiago de Compostela, para coñecer unha das nosas institucións máis importantes, o Parlamento de Galicia.

Alí puideron coñecer a historia do edificio que o alberga, dende a súa construción como Facultade de Veterinaria ata a última reforma á que foi sometido, para acoller a sede do Poder Lexislativo Galego. Igualmente, tiveron a oportunidade de descubrir como é unha sesión, o labor dos parlamentarios e ata emular os nosos representantes con algún discurso, subindo á tribuna de oradores.

A visita tamén incluíu espazos coma a biblioteca, co seu amplo fondo documental; o Salón dos Reis, onde os presidentes da Xunta toman posesión; ou poder apreciar algunhas das obras de arte contemporánea que inclúe a Colección Parlamento.

Ao rematar esta actividade, e xa de volta cara a Lalín, aínda fixemos unha parada na Cidade da Cultura, para coller forzas antes da chegada ao Instituto.

Eva Álvarez, profesora de Historia

A seguir, unhas imaxes dos diferentes momentos no Parlamento, da man de Eva Álvarez e Alba Payo:













03 maio, 2023

Premios Nacionais da Crítica

Un ano máis a Asociación española de críticos literarios  concede os seus PREMIOS NACIONAIS DA CRÍTICA LITERARIA. De entre as obras publicadas no 2022, destacan Materia, de Yolanda Castaño Ninguén queda de Brais Lamela, en poesía e narrativa respectivamente.

Podedes acceder á información de Nós Diario na  ligazón.



 


01 maio, 2023

Encontro con Orgullo Galego

En maio do 2022 esperabamos a Borxa González, membro de Orgullo Galego, para un encontro co alumnado do segundo ciclo da ESO, arredor da temática "O galego e as redes sociais", mais a Covid-19 aínda nos quixo xogar outra mala pasada e Iago non puido reunirse co noso alumnado.

Neste 2023 convidámolo de novo, e mañá, 2 de maio, estará con nós, entre as 11:00 h e as 14:00 h, para que o noso alumnado poida aprender algo máis e resolver dúbidas e curiosidades. Con esta actividade inauguramos o "Mes das Letras" no Aller Ulloa.