04 marzo, 2024

Miss Merkel en LeA Casa

Pouquiño a pouquiño imos medrando, e nesta ocasión démoslle a benvida ao club a Cristina, así que xa somos sete. E Belén, que nun puido estar connosco, só veu as rosquillas en foto, non lle deixamos nin unha.

    Despois da experiencia de lecturas como La lluvia amarilla, Golpes de Luz ou A culpa, quixemos mudar de rumbo e ler algo totalmente diferente. Buscamos unha lectura unicamente para relaxarnos e rir un pouco e deixámonos aconsellar por Susana, así que escollemos a David Safier e a súa obra Miss Merkel. El caso de la canciller jubilada para a reunión do mes de febreiro. Non nos quedou claro se as anécdotas políticas que se contan terán unha base real ou serán froito da imaxinación do autor alemán, pero si que a lectura nos deu para reflexionar sobre cuestións como o valor da amizade, o baleiro trala xubilación, ou o problema de facer rendibles os grandes edificios que mudaron os seus usos, coma os pazos galegos ou o castelo alemán no que se desenvolve a trama.

E seguindo a esa Miss Merkel xubilada, que facía unhas riquísimas tortas, Ana Paula agasallounos con estas rosquillas fritidas.




03 marzo, 2024

A radio vai á Residencia

 

A nosa historia non sempre está recollida nos libros, nin nas redes... Hai unha gran parte que temos que investigar cos nosos maiores, porque eles foron os protagonistas e son os que teñen toda a información.

E grazas á invitación da Residencia Virxe das Dores puidemos falar con estas persoas que tantos coñecementos teñen e que tan pouco se fan escoitar.

Así, o alumnado de 1º de Bacharelato, elaborou un cuestionario para recabar a información sobre as escolas, os xogos tradicionais, as festas da aldea e como se ía a elas, as músicas daquela época, viaxes que se facían ou que a estes anciáns lles gustaría facer, profesións e profesionais do século pasado, traballos de campo, nomes das leiras, soutos ou carballeiras que traballaban, animais cos que había que convivir, importancia das fontes e dos muíños...

María Jesús Barcala










02 marzo, 2024

Ao fío de... Unha guía de lectura, por Payo

Como parte do Proxecto Interdisciplinar "Lalín, a vila das 1.000 vacas", Madonna e outros contos de inverno serviulle a PAYO para exemplificar o proceso de elaboración dunha guía de lectura. O comentario do relato no que unha adolescente encara un traballo de redacción sobre o mal das "vacas tolas" foi dando forma a un modelo de Marela, unha guía de lectura que nese mesmo momento comezaron a pensar os nosos rapaces do Club de lectura Tarabelos I.

A temática é semellante, o agro galego, as lecturas diversas, e os críticos literarios dez alumnos de 3º da ESO que, para comezar, nos deixan as súas opinións sobre a actividade.


"O taller dirixido por Xosé Payo Cangado paraceume moi útil e interesante xa que me permitiu ter unha idea máis perfeccionada sobre como é unha guía de lectura e como debo realizala. Ata ese momento eu sempre as realizara doutro xeito completamente distinto e creo que agora son capaz de imitar o método adecuado, e así mellorar na elaboración deste texto tan necesario cando se fala dun club de lectura"
Pablo Pérez Gil

"A pequena charla que nos deu Xosé Payo Cangado o pasado martes gustoume moito,  porque aprendemos a maneira correcta de realizar un comentario sobre un libro de forma sinxela e falando de todo o necesario para que este sexa completo.
Penso que a charla foi moi útil, xa que a idea que eu tiña sobre como facer un comentario dun determinado texto distaba moito do que el nos espuxo, e estou convencido de que no futuro me vai axudar. Gustaríanme máis charlas coma esta"
David Fuentes Diéguez

"A charla do outro día, impartida por Xosé Payo Cangado, sobre como facer unha guía de lectura, pareceume excelente. Eu non sabía facer unha crítica da lectura, non tiña nin idea de como facela, e aprendín. Así, cando agora teña que poñerme co meu comentario xa saberei facelo sen complicacións"
David Vila López

"A min a charla gustoume, xa que aprendín a redactar un comentario de texto de maneira clara, ordenada e formal. Ademais aclaroume certas ideas e conceptos sobre o que era, en si, unha crítica literaria"
Martín Santiso García

"O obradoiro gustoume porque aprendín bastantes cousas, sobre todo a facer unha crítica formal sobre un libro, xa que Payo nos explicou moi ben como facela."
Íker Fiúza Gómez

"O que aprendín con esta charla foi que con traballo e esforzo danse feito cousas moi complexas, de feito, aprendín a facer o meu propio comentario de calquera obra, e a expresarme mellor sobre os libros que leo. En xeral aprendín a mellorar non só a forma de traballar con contos ou relatos, senón tamén a empregar esa información de modo ordenado e simple".
José Antonio López Mesa











29 febreiro, 2024

Microtoponimia de Lalín

 

Este mércores 28 o profesor Xoán Carlos García Porral trasladouse ata o noso centro para explicarnos algunhas cuestións básicas sobre a  toponimia do concello de Lalín.

Deste xeito, o alumnado de 2º de ESO,  achegouse á orixe dos microtopónimos, a súa clasificación e o seu valor como patrimonio inmaterial e elemento identitario. Zootopónimos, antrotopónimos, orotopónimos, hidrotópónimos... que se van perdendo cos cambios socioeconómicos que estamos a vivir: dos estragos da Concentración Parcelaria ás desfeitas dos eólicos. Nomes de leiras e camiños que nos axudaba a comprender a historia recente da nosa contorna e que, inexorablemente, se van esquecendo.

A actividade enmárcase dentro do Proxecto da biblioteca "Lalín, a vila das mil vacas", coordinado pola profesora Carmen Frade e co que este alumnado estivo a traballar a relación da toponimia lalinense coa actividade agropecuaria.







25 febreiro, 2024

Un modelo de guía de lectura, por Payo.

O vindeiro martes 27 estará connosco, de novo, PAYO, Xosé Payo Cangado, coordinador do equipo da Biblioteca Mario Pereira nestes últimos anos. Agora xa con máis "vagar", como a el lle gusta dicir, volverá por uns momentiños á docencia, para que os medianos dos clubs de lectura, os Tarabelos I, de 3ºde ESO aprendan con el a facer crítica literaria.

Dentro do proxecto "Lalín, a vila das 1.000 vacas", este alumnado estivo facendo a lectura de diversas obras relacionadas coa gandaría e os traballos do agro. Agora toca elaborar as críticas e recomendacións para o resto de lectores da nosa comunidade educativa, e para aprendermos a facelo ben botamos man da persoa que  se encargou da maior parte das Guías de lectura d'A Marela. 

Recordade, o vindeiro martes 27 de febreiro, ás 12:10 h na Biblioteca do IES Ramón Mª Aller Ulloa.